26.10.10

Noia: o Psoe propón no Parlamento que os orzamentos de 2011 conteñan unha partida específica para o saneamento desta vila

Lage Tuñas pídelle ao conselleiro de Medio Ambiente que remita "á maior brevidade posible o proxecto definitivo de saneamento para que poida ser aprobado polo pleno da Corporación Municipal"

Noia, 26 de outubro de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage Tuñas, presentou hoxe unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia co obxecto de que se incluía unha partida económica específica nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2011 referida ao saneamento de Noia.

Lage Tuñas considera “prioritario” levar adiante o saneamento  e recorda que “a riqueza marisqueira da ría de Noia é a principal fonte de ingresos  da economía local e comarcal xa que estamos a falar dun sector que mobiliza de xeito directo preto de 2.000 postos de traballo ademais dos indirectos que se derivan desta actividade económica.”

Lage Tuñas apuntaba hoxe que “os socialistas galegos pedímoslle ao goberno galego que remita con urxencia o novo proxecto xa redactado pola Xunta de Galicia para poder axilizar a súa tramitación, pois  os meses van pasando e o proxecto de saneamento acumula retrasos importantes. Temos que conseguir garantizar que se poida licitar esta actuación o antes posible para que se poida executar durante o ano 2011”. O deputado noiés do PSdeG presentou hoxe no rexistro do parlamento unha proposición non de lei para “conseguir blindar a inversión no saneamento da vila de Noia a través da Lei de Orzamentos para o ano 2011, que é a maior e mellor garantía”.

O Viceportavoz do Grupo Socialista pretende que o Parlamento de Galicia inste ao goberno galego a “remitir ao Concello de Noia o proxecto de saneamento e depuración das augas residuais da vila de Noia co obxecto de que o goberno local de Noia poida proceder á súa tramitación diante do pleno da Corporación Municipal”.

Tamén o deputado do PSdeG solicita de forma explícita na proposta rexistrada hoxe “que se incluía na lei de orzamentos do ano 2011 da Xunta de Galicia unha partida económica específica para asegurar a completa execución do proxecto de saneamento e depuración, tendo en conta o retraso acumulado dende finais de 2008 no que xa estaba prevista esta actuación por parte do anterior goberno da Xunta.”

Lage Tuñas incide no impacto económico do marisqueo e recorda que “a Confraría de Noia factura entre 11 e 13 millóns de euros pola actividade marisqueira, unha actividade central na economía da bisbarra e que por iso é fundamental que non se retrase máis o proxecto de saneamento e depuración de auga residuais.”

“Aínda que o saneamento de Noia estivo sendo saboteado durante os últimos dezaoito meses polo PP de Noia e polo BNG, creo que é necesario que traballen conxuntamente co goberno municipal para que Noia non siga perdendo oportunidades”.

Chamamento á oposición noiesa

Lage Tuñas fixo tamén un chamamento á colaboración dos grupos políticos da oposición noiesa “para que Noia non saia prexudicada e para recuperar o tempo perdido. Xa se perderon dous anos porque PP e BNG bloquearon dous proxecto diferentes no pleno municipal, agora agardamos unha resposta á altura das circunstancias. Os cidadáns agardan responsabilidade e traballo a favor das inversións para Noia, e entenden mal que haxa liortas políticas para frear as inversións”.

Promesas incumpridas e adiadas

Como xa informou Certo o 22 de abril pasado, A Administración Hidráulica de Galicia estaba a tramitar a primeira fase da rede de colectores xerais de Noia, actuación á que se achegará un importe de 3,3 millóns de euros. Ethel Vázquez (de Augas de Galicia) indicou que esta obra sería licitada antes do verán e que resolvería gran parte das verteduras que se producen na ría de Noia. E nunha información do mesmo día, pero ofrecida polo Bng, a mesma responsable recoñecía que non existía plan de saneamento integral para eliminar case 200 (183) puntos de verteduras detectados. O 27 de xullo, a Xunta de Galicia descolgouse con que o proxecto de saneamento ía ser presentado en setembro deste ano. Está a rematar outubro e, vendo a proposta dos socialistas, está claro que vai para longo, como todo o que ten que ver cunha ría de Noia limpa.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: denuncian o desleixo en que o Concello mantén o lugar de Campo Muíños

A Pobra do Caramiñal, 26 de outubro de 2010.-  A concelleira e portavoz socialista Teresa García Guillán denuncia a situación "tan deplorable na que aínda se vive nalgunhas zonas do noso concello. Encontramos na Ponte Barbanza, parroquia de San Isidoro de Posmarcos, un lugar chamado Campo Muíños onde a modernidade e o benestar social non lle chegou a algunhas familias".

Segundo relata a voceira do Psoe municipal, "este grupo de casas está situado nunha paraxe natural de inmenso valor ambiental, pero os servizos municipais que se lle prestan quedaron anclados na postguerra, paráronse no tempo, son nulos. En primeiro lugar, estas persoas para acceder a súas casas teñen que pasar por un camiño de pedras, estreito, con herbas, sen acceso rodado. É tan impactante a situación que se houbera que evacuar a unha persoa enferma teríase que facer en angarellas e manualmente ata a estrada principal".

A socialista explica, de xeito retranqueiro, que "estes veciños o saneamento vírono de lonxe: quedou tamén na estrada que vai a San Isidoro. Parece que o goberno do Sr. Isaac ten cidadáns de primeira e de segunda categoría. A estes veciños de segunda poderían eximilos de pagar impostos porque eles pagan a cambio de nada".

Ao achegarse ao río Pedras, nunha ponte para cruzalo, os socialistas denuncian que hai "unha varanda de madeira que fai de pasamáns que nalgún tramo está esnaquizada e noutros insegura. Tendo en conta que pola ponte pasan rapaces e sobre todo persoas maiores, o risco de que se produza algún accidente, como caer ao río, é máis que evidente".

Tamén apunta que existe un lavadoiro "inútil xa que non lle chega auga, polo que algunhas mulleres lavan dentro do río. É unha situación terceiromundista e non dun concello que presume de bonito, de flores, de xardíns, pero permite que as persoas maiores estean cos pés húmidos dentro da auga do río e que poidan escorregar nunha pedra. En definitiva a saúde das mulleres que lavan nese río non lle importa a este alcalde".

Neste treito do río consérvanse uns pasais antigos que tamén necesitan unha limpeza xa que as herbas, os troncos e as pólas impiden a libre circulación da auga, o que se agrava cando hai enchentes, pois chega o caudal do río a pasar por enriba da ponte. A forza da auga xa moveu algunha destas pedras que fan de pasais polo que é urxente o acondicionamento desta zona, finalizan os socialistas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira-Pobra: a Xunta dará seguridade xurídica ao polígono empresarial conxunto mediante a modificación dunha normativa

Segundo a Xunta, "o goberno bipartito iniciou a tramitación do proxecto sectorial de 8 parques empresariais e realizou o estudo de viabilidade doutro, que inclúen no seu ámbito máis de 3,4 millóns de m2 de solo rústico protexido". A prohibición de implantar parques empresariais en solo protexido parte dunha Lei aprobada polo anterior goberno que, a pesar da mesma, continuou tramitando os proxectos sectoriais e mercando solo. Algúns parques empresariais iniciados polo anterior goberno, coma o do Barbanza, emprázanse por completo en solo rústico protexido

 
Barbanza, 26 de outubro de 2010.- A Xunta de Galicia acaba de informar de que dará seguridade xurídica e asegurará a viabilidade dalgúns dos parques empresariais que se atopan en tramitación, a través das modificacións da Lei de Ordenación do Territorio e da Lei de Ordenación Urbanística e de Protección do Medio Rural, introducidas na Lei de Acompañamento dos Presupostos, xa que doutra maneira impediríase avanzar na dotación de solo empresarial no conxunto do país, cando se trata dun investimento estratéxico.

Actualmente, encóntranse en tramitación oito proxectos sectoriais doutros tantos parques empresariais en cuxo ámbito se atopa solo rústico protexido. Nos oito casos, a tramitación dos correspondentes proxectos sectoriais foi iniciado polo anterior goberno da Xunta de Galicia, a través da antiga Consellería de Vivenda e Solo que dirixía Teresa Táboas.

Ademais dos oito parques cuxos proxectos sectoriais se atopan en tramitación, existe outro para o que o anterior goberno redactou un estudo de viabilidade e que tamén inclúe solo rústico protexido no seu ámbito. En total, estes 8 parques empresariais inclúen no seu ámbito máis de 3,4 millóns de m2 de solo rústico protexido, o que supón máis do 41 % da superficie total conxunta. Nalgúns casos, como sucede co parque empresarial do Barbanza, emprazado nos concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira, a totalidade da súa superficie está calificada como solo rústico de protección forestal e de protección de augas.


Os parques empresariais cuxo proxecto sectorial iniciou o goberno bipartito con solo rústico protexido no seu ámbito son os do Barbanza, plataforma loxística de Mandiá (Ferrol), Campus Industrial de Paderne de Allariz, Taboadela, A Gudiña, ampliación de Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa), A Arroufana (Mos) e Bueu-Cangas. Á lista únese o parque empresarial de Lavacolla (Santiago de Compostela), para o que o goberno do Psoe e o Bng realizou un estudo de viabilidade.

Cabe salientar que a prohibición de desenvolver parques empresariais en solo rústico protexido foi introducida pola Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, elaborada e aprobada polo goberno bipartito que, malia introducir nela as medidas que limitaban os usos do solo rústico protexido continuou tramitando os proxectos sectoriais e mercando solo para eses parques empresariais malia non ter aprobados os devanditos proxectos.

Neste senso son moi significativas as actuacións nos parques empresariais de Taboadela e Paderne de Allariz. No primeiro deles, con preto do 45 por cento de solo rústico protexido, o goberno bipartito mercou máis dun millón de metros cadrados de solo (preto do 87 % do total do ámbito), mentres no de Paderne de Allariz, coa case un 13 % de solo rústico, mercaron máis de 900.000 m2 (máis do 80 por cento do total do ámbito). O custe de dito solo superou os 18,5 millóns de euros.

A modificación da normativa establece que so se poderán desenvolver, afectando a solo rústico protexido, parques empresariais e outras infraestruturas, dotacións e instalacións nas que concorra unha causa de utilizade pública ou interese social que sexa prevalente a calquera outra preexistente. A súa aplicación será de forma excepcional e unicamente cando o interese social da actuación a desenvolver o xustifique plenamente.

As garantías de protección mantéñense, xa que será necesario o informe favorable do organismo que ostente a competencia sectorial por razón do valor a protexer.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: 27 persoas foron á excursión micolóxica ao monte Iroite organizada polo Banco de Tempo

Ribeira, 26 de outubro de 2010. Un total de 27 persoas participaron o pasado sábado na actividade “Imos ás setas” que levou a cabo o Centro de Información á Muller de Ribeira dentro da súa campaña de divulgación do Banco do Tempo. Entre eles, estiveron presentes a directora do CIM, Dolores Crujeiras, e a secretaria do Banco, María Saa, así como o experto en micoloxía pertencente á asociación Refungando Jesús Miniño. 

A actividade desenvolveuse no monte Iroite, punto no que, e despois dunha sucinta exposición sobre o banco do tempo, o experto Jesús Miniño comezou a súa clase práctica-introdutoria acerca do mundo dos cogomelos, divulgando as características das distintas especies coas que se ían encontrar. 

O perfil dos participantes foi moi variado, dende xente xoven e de mediana idade ata xubilados. Os participantes recolleron algúns exemplares de varias clases de cogomelos que despois lles serviron para facer un arroz no parque de San Roque da cidade, dando por rematada así a actividade.  

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical