Lage Tuñas pídelle ao conselleiro de Medio Ambiente que remita "á maior brevidade posible o proxecto definitivo de saneamento para que poida ser aprobado polo pleno da Corporación Municipal"
Noia, 26 de outubro de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage Tuñas, presentou hoxe unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia co obxecto de que se incluía unha partida económica específica nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2011 referida ao saneamento de Noia.
Lage Tuñas considera “prioritario” levar adiante o saneamento e recorda que “a riqueza marisqueira da ría de Noia é a principal fonte de ingresos da economía local e comarcal xa que estamos a falar dun sector que mobiliza de xeito directo preto de 2.000 postos de traballo ademais dos indirectos que se derivan desta actividade económica.”
Lage Tuñas apuntaba hoxe que “os socialistas galegos pedímoslle ao goberno galego que remita con urxencia o novo proxecto xa redactado pola Xunta de Galicia para poder axilizar a súa tramitación, pois os meses van pasando e o proxecto de saneamento acumula retrasos importantes. Temos que conseguir garantizar que se poida licitar esta actuación o antes posible para que se poida executar durante o ano 2011”. O deputado noiés do PSdeG presentou hoxe no rexistro do parlamento unha proposición non de lei para “conseguir blindar a inversión no saneamento da vila de Noia a través da Lei de Orzamentos para o ano 2011, que é a maior e mellor garantía”.
O Viceportavoz do Grupo Socialista pretende que o Parlamento de Galicia inste ao goberno galego a “remitir ao Concello de Noia o proxecto de saneamento e depuración das augas residuais da vila de Noia co obxecto de que o goberno local de Noia poida proceder á súa tramitación diante do pleno da Corporación Municipal”.
Tamén o deputado do PSdeG solicita de forma explícita na proposta rexistrada hoxe “que se incluía na lei de orzamentos do ano 2011 da Xunta de Galicia unha partida económica específica para asegurar a completa execución do proxecto de saneamento e depuración, tendo en conta o retraso acumulado dende finais de 2008 no que xa estaba prevista esta actuación por parte do anterior goberno da Xunta.”
Lage Tuñas incide no impacto económico do marisqueo e recorda que “a Confraría de Noia factura entre 11 e 13 millóns de euros pola actividade marisqueira, unha actividade central na economía da bisbarra e que por iso é fundamental que non se retrase máis o proxecto de saneamento e depuración de auga residuais.”
“Aínda que o saneamento de Noia estivo sendo saboteado durante os últimos dezaoito meses polo PP de Noia e polo BNG, creo que é necesario que traballen conxuntamente co goberno municipal para que Noia non siga perdendo oportunidades”.
Chamamento á oposición noiesa
Lage Tuñas fixo tamén un chamamento á colaboración dos grupos políticos da oposición noiesa “para que Noia non saia prexudicada e para recuperar o tempo perdido. Xa se perderon dous anos porque PP e BNG bloquearon dous proxecto diferentes no pleno municipal, agora agardamos unha resposta á altura das circunstancias. Os cidadáns agardan responsabilidade e traballo a favor das inversións para Noia, e entenden mal que haxa liortas políticas para frear as inversións”.
Promesas incumpridas e adiadas
Como xa informou Certo o 22 de abril pasado, A Administración Hidráulica de Galicia estaba a tramitar a primeira fase da rede de colectores xerais de Noia, actuación á que se achegará un importe de 3,3 millóns de euros. Ethel Vázquez (de Augas de Galicia) indicou que esta obra sería licitada antes do verán e que resolvería gran parte das verteduras que se producen na ría de Noia. E nunha información do mesmo día, pero ofrecida polo Bng, a mesma responsable recoñecía que non existía plan de saneamento integral para eliminar case 200 (183) puntos de verteduras detectados. O 27 de xullo, a Xunta de Galicia descolgouse con que o proxecto de saneamento ía ser presentado en setembro deste ano. Está a rematar outubro e, vendo a proposta dos socialistas, está claro que vai para longo, como todo o que ten que ver cunha ría de Noia limpa.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario