26.10.10

A Pobra: denuncian o desleixo en que o Concello mantén o lugar de Campo Muíños

A Pobra do Caramiñal, 26 de outubro de 2010.-  A concelleira e portavoz socialista Teresa García Guillán denuncia a situación "tan deplorable na que aínda se vive nalgunhas zonas do noso concello. Encontramos na Ponte Barbanza, parroquia de San Isidoro de Posmarcos, un lugar chamado Campo Muíños onde a modernidade e o benestar social non lle chegou a algunhas familias".

Segundo relata a voceira do Psoe municipal, "este grupo de casas está situado nunha paraxe natural de inmenso valor ambiental, pero os servizos municipais que se lle prestan quedaron anclados na postguerra, paráronse no tempo, son nulos. En primeiro lugar, estas persoas para acceder a súas casas teñen que pasar por un camiño de pedras, estreito, con herbas, sen acceso rodado. É tan impactante a situación que se houbera que evacuar a unha persoa enferma teríase que facer en angarellas e manualmente ata a estrada principal".

A socialista explica, de xeito retranqueiro, que "estes veciños o saneamento vírono de lonxe: quedou tamén na estrada que vai a San Isidoro. Parece que o goberno do Sr. Isaac ten cidadáns de primeira e de segunda categoría. A estes veciños de segunda poderían eximilos de pagar impostos porque eles pagan a cambio de nada".

Ao achegarse ao río Pedras, nunha ponte para cruzalo, os socialistas denuncian que hai "unha varanda de madeira que fai de pasamáns que nalgún tramo está esnaquizada e noutros insegura. Tendo en conta que pola ponte pasan rapaces e sobre todo persoas maiores, o risco de que se produza algún accidente, como caer ao río, é máis que evidente".

Tamén apunta que existe un lavadoiro "inútil xa que non lle chega auga, polo que algunhas mulleres lavan dentro do río. É unha situación terceiromundista e non dun concello que presume de bonito, de flores, de xardíns, pero permite que as persoas maiores estean cos pés húmidos dentro da auga do río e que poidan escorregar nunha pedra. En definitiva a saúde das mulleres que lavan nese río non lle importa a este alcalde".

Neste treito do río consérvanse uns pasais antigos que tamén necesitan unha limpeza xa que as herbas, os troncos e as pólas impiden a libre circulación da auga, o que se agrava cando hai enchentes, pois chega o caudal do río a pasar por enriba da ponte. A forza da auga xa moveu algunha destas pedras que fan de pasais polo que é urxente o acondicionamento desta zona, finalizan os socialistas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical