24.8.10

Boiro: o San Ramón de Bealo, do 30 de agosto ao 5 de setembro

A Pobra do Caramiñal: os socialistas refréscanlle a memoria ao alcalde coa lexislación para construír un centro de saúde

"A falta de planificación dun goberno municipal esgotado leva ao alcalde da Pobra a propoñer a construción dun centro de saúde sen respectar o regulamento de policía sanitaria mortuoria," di o Psoe  pobrense


Os cemiterios e os centros de saúde ou outras infraestruturas deben estar separados alomenos 50 metros


A Pobra do Caramiñal, 24 de agosto de 2010.- Os socialistas de A Pobra lémbranlle ao alcalde, o "popular" Isaac Maceiras, nunha nota de prensa, que hai que axustarse á lei para construír determinadas infraestruturas. Como é habitual en Certo, poñémoslles a nota íntegra:

"Parece ser que a Consellería de Sanidade ten prevista  a execución dun novo centro de saúde para a Pobra do Caramiñal, para o cal é preciso que o Concello ceda os terreos necesarios para a construción do mesmo.

As instalacións do actual centro de saúde xamais foron modificadas estruturalmente nin se lles prestou o adecuado mantemento dende a súa inauguración, e por isto que ofrece un estado lamentable, de deterioro e abandono, prestándose os servizos sanitarios a poboación nun inmoble terceiromundista.  Polo tanto, é imprescindible que se rehabilite en profundidade o edificio existente conforme ás novas necesidades, ou ben se faga un novo centro de saúde. 

O goberno municipal propón a construción dun novo centro de saúde situado en San Roque,  a carón do cemiterio Parroquial de Santa María a Antiga do Caramiñal.   A ubicación proposta correspóndese  coa zona verde do polígono 9, polo tanto, dito polígono carecería de zonas verdes no futuro, cando se procedese a construción da citada parcela, principios estes contrarios o proposto no Plan Xeral  de Ordenación Municipal, xa que a obrar desta maneira estarían limitando as zonas do ocio municipais. 

É dicir, fixeron un PXOM e non deixaron previstos espazos para dotacións públicas, agora vense na obriga de facer convenios precipitados, ter que volver a modificar o Plan Xeral para poder edificar no lugar que corresponde a unha zona verde. Eles modifican cada vez que lles peta o PXOM, e por que non fan o mesmo polos particulares que o precisan? Estas actuacións demostran a falta de planificación e de expectativas deste goberno municipal. 

Debido á opacidade e a prepotencia utilizada por este equipo de goberno, a que non se nos escoita, que non hai vontade nin disposición para dialogar cos membros da corporación, é por esta razón pola que o grupo municipal socialista lle enviou una carta a Conselleira de Sanidade ca finalidade de que se nos informe sobre a idoneidade da parcela proposta desde o Concello para centro de saúde. 

A información da que dispón este Grupo Municipal consiste en que para as construcións sitas a carón dun cemiterio  establecerase como zona de protección unha franxa de 50 metros de anchura, medida a partires do cerre exterior do cemiterio polo que a construción do novo Centro de Saúde, estaría ubicada en zona verde, a carón dun cemiterio, carecendo da zona de protección de 50 metros, e en contra dos criterios seguidos pola propia Consellería noutra provincia. (Exemplo: Pontevedra- Sanxenxo). 

O regulamento de policía sanitaria mortuoria, no artigo 47 sobre zona de protección di: “en torno o chan dedicado a construción dun novo cemiterio establecerase como zona de protección unha franxa de 50 metros de anchura totalmente libre de todo tipo de construción, medida a partir do cerre exterior do cemiterio”. Como é lóxico aplicamos a recíproca, si para construír un novo cemiterio hai que deixar 50 m. libres; en 50 m tampouco se poden facer novas construcións ao lado dos cemiterios existentes. Tal e como argumentan as Sentencia del Tribunal Supremo de datas 26 de xuño de 1996 e 14 de febreiro de 1997. 

Tendo en conta que existen dúbidas razoables de que a ubicación proposta para Centro de Saúde cumpra os criterios legais pertinentes e incluso os mínimos preceptos de saúde pública e de seguridade e hixiene, que non ofrece garantías de salubridade, que se están creando falsas expectativas, que é necesario un informe da inspección de saúde pública, informe xeotécnico cas características do terreo, e que é un problema de interese xeral e o único, que pensa o  PP deste concello e en facer novas propostas, (viables ou non), ca mirada posta directamente nas vindeiras eleccións municipais.  

Non damos crédito a desinformación do equipo de goberno liderado polo Sr. Isaac, é gravísimo que teñamos que ser os socialistas (aos que Isaac denigraba publicamente hai ben pouco tempo) os que teñamos que advertir e informar da lexislación vixente, cando o concello conta con políticos que cobran con cargo ós orzamentos municipais e con tódolos técnicos posibles".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Educación: cambios nos colexios de Barbanza e Noia por concertos educativos ou eliminación de unidades


Barbanza-Noia, 24 de agosto de 2010. Toda a información está no Diario Oficial de Galicia de onte, descargable en pdf aquí. Como afecta principalmente a Boiro o dos centros eliminados, comezamos con este concello. Os outros que saen, é porque hai cambios neles.

Concertos educativos en privados

No que atinxe a Concertos educativos, a Xunta de Galicia decidiu reducir unha unidade de Educación Primaria no "Jaime Balmes" de Noia, incrementar en Educación Especial unha unidade de plurideficientes en "Amicos", de Ribeira e meter unha unidade de xestión administrativa e outra de comercio no "María Assumpta" de Noia e unha de xestión administrativa no "Divino Maestro" de A Pobra.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng denuncia desleixo e verteduras no campo Ponte Araño

Os nacionalistas solicitan que se solucione definitivamente o problema do bombeo que permitiu días de vertedura direta ao río Té e unha limpeza xeral da área recreativa chea de maleza e restos de lixo

Rianxo, 24 de agosto de 2010. A fins de xullo e comezos de agosto un novo episodio de vertedura direta ao río Té dende a rede de saneamento municipal produciuse na área recreativa do Campo da Ponte no Araño, denuncia o Bng municipal de Rianxo.

"En menos dun ano son xa dúas as veces que se denuncia por parte dos veciños da zona e visitantes, xunto ao BNG de Rianxo, a particular situación do bombeo do Concello, que tras unha parada verte sen control ao río Té deixando un tramo cheo de restos de celulosa, cheiro fétido e todo tipo de residuos orgánicos. A intervención do executivo está a ser meramente constatar que funciona mal o bombeo e incluso permitir disimular o punto de saída das verteduras tapando con pelouros o aliviadoiro que, como moitos outros dos bombeos de Rianxo vai diretamente aos regatos, un método cómodo e barato para executivo e concesionaria. Diante de problemas: direto ao río ou ao mar", explican.

Desde o BNG pretendeuse que se impulsara desde o executivo que a concesionaria instalase uns avisos automáticos dos atascos e que se puxese en marcha ao pouco tempo un protocolo de actuación que evite estas verteduras de días ou semanas, até que os veciños denuncian, normalmente. "Mais nada se fixo e incluso van ter que ser fondos públicos os que sufraguen esa mellora que a nós se nos antolla imprescindíbel vistos os constantes casos de supostos atascos ou mal funcionamento dos bombeos", argumentan os nacionalistas rianxeiros.

O BNG "esixirá medidas eficaces e definitivas para estes episodios, xunto a unha política máis agresiva e contundente contra quen verte ou mesmo contra a falta de actuación dos responsábeis de manter en óptimas condicións a rede municipal. Neste senso tamén denunciamos a negativa do concello a nos facilitar unha fotocopia do contrato coa empresa concesionaria, para poder impulsar unha modificación da ordenanza de verteduras que poida dirixirse precisamente a responsabilizala de mal funcionamento dos bombeos, Se queremos copia temos que tomar nota a man dos máis de 50 folios do contrato. Todo transparencia", engaden.

Limpeza xeral da área recreativa

Dentro do mal estado xeral de falta de desbroce de moitas pistas municipais no rural do Concello chamarán tamén ao executivo a realizar unha limpeza desta zona, "que presenta un aspecto lamentábel con lixo sen recoller de días, coa maleza enchendo a área e presentando un desleixo considerábel cando é unha zona moi visitada polos rianxeiros e visitantes ocasionais. Exactamente a mesma denuncia de hai meses, o que nos demostra a deixadez da limpeza con estas zonas rurais por parte do PSOE local", conclúe o Bng.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical