24.8.10

Rianxo: o Bng denuncia desleixo e verteduras no campo Ponte Araño

Os nacionalistas solicitan que se solucione definitivamente o problema do bombeo que permitiu días de vertedura direta ao río Té e unha limpeza xeral da área recreativa chea de maleza e restos de lixo

Rianxo, 24 de agosto de 2010. A fins de xullo e comezos de agosto un novo episodio de vertedura direta ao río Té dende a rede de saneamento municipal produciuse na área recreativa do Campo da Ponte no Araño, denuncia o Bng municipal de Rianxo.

"En menos dun ano son xa dúas as veces que se denuncia por parte dos veciños da zona e visitantes, xunto ao BNG de Rianxo, a particular situación do bombeo do Concello, que tras unha parada verte sen control ao río Té deixando un tramo cheo de restos de celulosa, cheiro fétido e todo tipo de residuos orgánicos. A intervención do executivo está a ser meramente constatar que funciona mal o bombeo e incluso permitir disimular o punto de saída das verteduras tapando con pelouros o aliviadoiro que, como moitos outros dos bombeos de Rianxo vai diretamente aos regatos, un método cómodo e barato para executivo e concesionaria. Diante de problemas: direto ao río ou ao mar", explican.

Desde o BNG pretendeuse que se impulsara desde o executivo que a concesionaria instalase uns avisos automáticos dos atascos e que se puxese en marcha ao pouco tempo un protocolo de actuación que evite estas verteduras de días ou semanas, até que os veciños denuncian, normalmente. "Mais nada se fixo e incluso van ter que ser fondos públicos os que sufraguen esa mellora que a nós se nos antolla imprescindíbel vistos os constantes casos de supostos atascos ou mal funcionamento dos bombeos", argumentan os nacionalistas rianxeiros.

O BNG "esixirá medidas eficaces e definitivas para estes episodios, xunto a unha política máis agresiva e contundente contra quen verte ou mesmo contra a falta de actuación dos responsábeis de manter en óptimas condicións a rede municipal. Neste senso tamén denunciamos a negativa do concello a nos facilitar unha fotocopia do contrato coa empresa concesionaria, para poder impulsar unha modificación da ordenanza de verteduras que poida dirixirse precisamente a responsabilizala de mal funcionamento dos bombeos, Se queremos copia temos que tomar nota a man dos máis de 50 folios do contrato. Todo transparencia", engaden.

Limpeza xeral da área recreativa

Dentro do mal estado xeral de falta de desbroce de moitas pistas municipais no rural do Concello chamarán tamén ao executivo a realizar unha limpeza desta zona, "que presenta un aspecto lamentábel con lixo sen recoller de días, coa maleza enchendo a área e presentando un desleixo considerábel cando é unha zona moi visitada polos rianxeiros e visitantes ocasionais. Exactamente a mesma denuncia de hai meses, o que nos demostra a deixadez da limpeza con estas zonas rurais por parte do PSOE local", conclúe o Bng.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical