22.7.11

Boiro: a concentración moteira comezou cun show de "drift", ou derrapes espectaculares

Boiro, 22 de xullo de 2011. A concentración moteira que organiza BoiroMotos, o club moteiro de Boiro, ata o vindeiro domingo 24 de xullo, deu comezo cunha espectacular serie de "derrapadas porcas", máis coñecidas como "drifting", verba anglosaxona coa que se deu a coñecer esta variante de deporte de motor.

Tamén aproveitamos para darlle a benvida ao novo fotógrafo colaborador de Certo, Alén Pérez, que fixo esta serie en exclusiva para nós.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: 120.000 euros para consolidar e divulgar o Castro de Baroña

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se anuncia a licitación das obras de acondicionamento e a consolidación arqueolóxica dun castro que moito tarda en ser declarado BIC

Porto do Son, 22 de xullo de 2011.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se anuncia a licitación das obras de acondicionamento e a consolidación arqueolóxica do Castro de Baroña. A Consellería de Cultura e Turismo destinará 120. 000 euros para divulgalo -poñer en valor é unha expresión que non ten sentido-, 60.000 euros neste ano 2011 e 60.000 euros en 2012. Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013. O prazo máximo de execución comprende desde o día seguinte á sinatura do contrato ata o 15 de novembro de 2012.

As actuacións obxecto do contrato atenden á realización dunha intervención arqueolóxica que ten por fin adoptar as medidas necesarias para garantir a conservación das estruturas e permitir a súa visita e aproveitamento sociocultural. Cómpre lembrar que o espazo es un dos referentes do turismo cultural de Galicia polo que é necesario que a visita ao mesmo poida realizarse coas máximas garantías e cunha oferta de calidade, polo que a actuación é especialmente relevante para afondar no coñecemento e investigación do mesmo como paso previo á continua mellora da súa oferta sociocultural e do seu goze, sobre todo tendo en conta a súa elección como un dos elementos importantes dentro da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico (RGPA). Ademais, é imprescindible para xerar espazos transitables para os visitantes sen causar danos nos restos arqueolóxicos.

Co fouciño na man, apañando o batume


Deberán levarse a cabo traballos de roza manual da vexetación -o que aquí no rural se lle chama apañarlle o batume co fouciño do monte- e retirada das pedras soltas sen contexto arqueolóxico de todo o recinto intramuros do xacemento con dous obxectivos básicos. Dun lado, para impedir que o biodeterioro afecte ás estruturas arqueolóxicas e, por outro, para facilitar a súa contemplación. Este traballo deberá executarse nunha primeira quenda no ano 2011e noutra ao remate da actuación no 2012. Tamén deberá actuarse de xeito específico sobre varias das estruturas que están máis deterioradas como consecuencia de factores antrópicos e ambientais.

Os traballos, que están deseñados para dúas anualidades, consistirán, en primeiro lugar, no acondicionamento da zona mediante a roza da vexetación, a consolidación puntual de pedras e elementos soltos e o tapado preventivo de zonas especialmente degradadas ou de reserva arqueolóxica.

Nun segundo momento, acometerase a escavación con metodoloxía arqueolóxica naquelas áreas na que sexa preciso para a consolidación e intervención sobre algunhas zonas do xacemento. Ademais, farase un rexistro da intervención e tomaranse mostras analíticas que complementen a investigación de seren necesario.

Na terceira etapa, os traballos consistirán na consolidación de varias zonas e no seu rexistro mediante debuxo arqueolóxico dos elementos orixinais e outros procedementos estandarizados no protocolo de consolidacións arqueolóxicas. Seguidamente, levarase a cabo a colocación de sinalización mediante elementos informativos e sinaléctica direccional do percorrido. Por último, realizaranse as tarefas de divulgación.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: inaugurado o campo de fútbol de Cadreche

  • A obra foi realizada conxuntamente pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o Concello da Pobra do Caramiñal e a Deputación da Coruña
  • O secretario xeral de Deporte da Xunta, Lete Lasa, definiu a vida do concello como “rica, variada e exitosa” polos seus importantes logros deportivos

 

A Pobra do Caramiñal, 22 de xullo de 2011-. O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, inaugurou hoxe o campo de fútbol de Cadreche no concello da Pobra do Caramiñal. Lete asegurou que a obra se realizou “cos esforzos compartidos do Concello, a Deputación e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia”; ademais destacou que as instalacións “son froito dun esforzo das tres institucións públicas de case 800.000€, dos que a Secretaria Xeral achegou máis de 300.000”

O secretario xeral para o Deporte definiu esta obra como “un esforzo importante desde o punto de vista económico pero igualmente merecido e de obrigado cumprimento para os que temos a responsabilidade de ofrecer aos cidadáns servizos públicos”.

Así mesmo José Ramón Lete Lasa, fixo referencia á “vida rica, variada e exitosa” do concello coruñés. “Rica e variada polas amplas modalidades deportivas practicadas polos pobrenses” e exitosa “porque entre os seus veciños atopamos medallistas campións do Mundo e de España”.

O secretario xeral para o Deporte asegurou que os éxitos pobrenses terán “un futuro prometedor”, xa que se rexistraron importantes cifras de participación no programa deportivo Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte, así mesmo tamén destacou os 91 equipos que teñen representado á Pobra do Caramiñal en 7 modalidades deportivas.

Lete Lasa rematou asegurando que “o deporte da Pobra do Caramiñal goza de boa saúde e recoñeceu “o labor do alcalde da Pobra, do seu responsable de Deportes e, en definitiva, do conxunto da Corporación Municipal”.

Características do campo
O campo de fútbol Cadreche conta cun terreo de xogo de 95 x 600m. Entre as obras realizadas levouse a cabo una ampliación do espazo de aparcamento existente, o pechamento do recinto, a construción de vestiarios (catro de deportistas e un de árbitros) e a construción de aseos públicos. Ademais tamén se construíron almacéns, cuartos de instalacións e tiveron lugar acometidas das distintas redes de abastecemento, depuración e vertido.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: a Festa dos Maiores será o vindeiro domingo 31 de xullo

Dodro_festa_maiores

Dodro, 22 de xullo de 2011. O Concello de Dodro organiza, un ano máis, a Festa dos Maiores. O programa deste ano é o que segue:

11.30 h Recepción

12.00 h Actuación da charanga rianxeira "Vai de Roda"

13.00 h Misa solemne

14.00 h Benvida a cargo do alcalde e do Equipo de Goberno

14.30 h Xantar

16.00 h Baile coa actuación de "Grupo Glamour"

17.30 Actuación do humorista Paco-Mi-Vida

18.30 h Continuación do baile con "Grupo Glamour"

Haberá servizo de autobuses polas paradas habituais. Os horarios anunciaranse nas marquesiñas uns días antes da festa.

É necesario recoller a invitación da festa para asistir.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Psoe denuncia nepotismo nas contratacións do equipo de goberno popular

  • Afirman, entre a retranca e o sarcasmo, que "Dos 500 postos de traballo ofrecidos por Isaac Maceiras en campaña electoral, xa quedan menos por cubrir"
  • Entre os "afortunados traballadores" hai fillos de concelleiros e boa parte de afiliados a Novas Xeracións do PP
Media_httpfarm5static_ojqyr

O Psoe denuncia que non se sabe que persoas contratadas teñen a titulación para manexar embarcacións

A Pobra, 21 de xullo de 2011. O Psoe, na súa labor de oposición que lle corresponde no Concello da Pobra, denuncia hoxe nepotismo -en Ourense chamaríanlle baltarización do concello- nas contratacións do equipo de goberno. "Desde o Partido Socialista cremos que un concello debe ser transparente na xestión das contratacións, co fin de acreditar ante os nosos veciños que estas se fan limpamente. Non é o caso do Alcalde Isaac Maceiras e o seu equipo de goberno que para os postos de socorristas e limpeza de praias contrata as persoas afíns o seu partido, neste caso fillos de concelleiros, da secretaria personal e integrantes de novas xeracións do Partido Popular. Garantir os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade requiridos para traballar en calquera administración pública non é un principio básico para este Goberno. A xenerosidade empeza por eles mesmos", explican os socialistas pobrenses en verbas da súa concelleira portavoz, Teresa García Guillán.

Os datos que aportan son os seguintes:


http://www.apobra.org/gl/concello/emprego-publico/232-resultado-da-contratacion-do-persoal-de-limpeza-de-praias.html

Lista de admitidos para a contratación de persoal de limpeza de praias a través dos Programas de Cooperación entre a Consellería de Traballo e Benestar e o Concello da Pobra do Caramiñal (Expte: TR351A 2011/480-1)


Entre os numerosos cargos das novas xeracións do PP da Pobra, atópase a filla da concelleira de servizos sociais e sanidade BALBINA LOJO OLVIERA

APELIDOS E NOME

DOMINGUEZ PICOS MARTA ( Na páxina web de novas xeracións do PP da Pobra aparece como responsable de comunicación e tecnoloxías)

 

DURAN CAMPOS CHRISTIAN (vogal de NNXX do PP da Pobra, colaborou na pasada campaña pegando carteis e conducindo o coche da megafonía)

 

GARCÍA LOJO ESTEFANIA (vogal das NNXX do PP da Pobra)

 

OLVEIRA MAYAN SANTIAGO JOSE (colaborou  na campaña  e conduxo a furgoneta ca megafonía)

 POUSO BRIONES MARIA JOSE

 SANTOS DOMINGUEZ SILVIA Voceira de NNXX do PP

 

http://www.apobra.org/gl/concello/emprego-publico/226-listado-de-socorristas.html

SOCORRISTAS, entre os que se encontran o fillo do concelleiro de obras JOSÉ MANUEL CASTRO e o fillo da secretaria particular do Alcalde Mº JOSÉ RIVADULLA, ademais dunha vogal  e o Presidente de NNXX do PP da Pobra.

MARCOS CASTRO SEOANE  

IVÁN OUTEIRAL RIVADULLA

LORENA PELETEIRO GONZÁLEZ  Vogal de NNXX do PP. Esta moza nin ten realizado o curso de socorrismo

ELOY SOBRIDO GARCÍA  Presidente de NNXX do PP da Pobra


No listado dos socorristas aparece un epígrafe de formación complementaria, dita formación non especifica se algunha destas persoas está capacitada e ten a titulación necesaria para manexar unha embarcación.


Para usar unha embarcación é necesario ter o título de Patrón de embarcación deportiva: "deberían facer público o listado cas persoas que teñen esta titulación, ademais do seguro de responsabilidade civil que poida asumir a responsabilidade dunha mala praxe", denuncian dende o Psoe.


Se estes mozos non cumpren cas leis de navegación marítima debería actuar de inmediato a Capitanía, advirten os socialisas pobrenses.

http://www.ppdapobra.es/nova/51-presentacion-paxina-web-ppdapobra-e-nnxx-do-pp.html (enlace da páxina de Novas xeración do PP da Pobra)


"Non estamos falando de sospeitas, estamos documentando os pagos de favores aos colaboradores e a falta de escrúpulos. Esta é a solidariedade que o Sr. Isaac ten cas familias deste pobo! Deberían pedir escusas a tódalas persoas honradas e as familias onde tódolos membros están no paro", láianse no Psoe da Pobra.


Burla aos desempregados


Este tipo de política, proseguen os socialistas, "é unha auténtica burla aos desempregados, tendo en conta a cantidade de pais e nais de familia que necesitan cartos para manter a súas familias". Ademais, afirman qe lles consta que algunha persoa que está contratada para a limpeza de praias se desviou a limpar outras instalacións municipais ou incluso a limpar o centro do pobo. "Debemos recordarlle ao Sr Isaac que si se contrata a estas persoas para un fin, non  pode desvialas para outro cometido, desta maneira estase cometendo unha ilegalidade ademais de correr o risco de perder dita subvención", rematan.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical