Porto do Son, 22 de xullo de 2011.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se anuncia a licitación das obras de acondicionamento e a consolidación arqueolóxica do Castro de Baroña. A Consellería de Cultura e Turismo destinará 120. 000 euros para divulgalo -poñer en valor é unha expresión que non ten sentido-, 60.000 euros neste ano 2011 e 60.000 euros en 2012. Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013. O prazo máximo de execución comprende desde o día seguinte á sinatura do contrato ata o 15 de novembro de 2012.
As actuacións obxecto do contrato atenden á realización dunha intervención arqueolóxica que ten por fin adoptar as medidas necesarias para garantir a conservación das estruturas e permitir a súa visita e aproveitamento sociocultural. Cómpre lembrar que o espazo es un dos referentes do turismo cultural de Galicia polo que é necesario que a visita ao mesmo poida realizarse coas máximas garantías e cunha oferta de calidade, polo que a actuación é especialmente relevante para afondar no coñecemento e investigación do mesmo como paso previo á continua mellora da súa oferta sociocultural e do seu goze, sobre todo tendo en conta a súa elección como un dos elementos importantes dentro da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico (RGPA). Ademais, é imprescindible para xerar espazos transitables para os visitantes sen causar danos nos restos arqueolóxicos.
Co fouciño na man, apañando o batume
Deberán levarse a cabo traballos de roza manual da vexetación -o que aquí no rural se lle chama apañarlle o batume co fouciño do monte- e retirada das pedras soltas sen contexto arqueolóxico de todo o recinto intramuros do xacemento con dous obxectivos básicos. Dun lado, para impedir que o biodeterioro afecte ás estruturas arqueolóxicas e, por outro, para facilitar a súa contemplación. Este traballo deberá executarse nunha primeira quenda no ano 2011e noutra ao remate da actuación no 2012. Tamén deberá actuarse de xeito específico sobre varias das estruturas que están máis deterioradas como consecuencia de factores antrópicos e ambientais.
Os traballos, que están deseñados para dúas anualidades, consistirán, en primeiro lugar, no acondicionamento da zona mediante a roza da vexetación, a consolidación puntual de pedras e elementos soltos e o tapado preventivo de zonas especialmente degradadas ou de reserva arqueolóxica.
Nun segundo momento, acometerase a escavación con metodoloxía arqueolóxica naquelas áreas na que sexa preciso para a consolidación e intervención sobre algunhas zonas do xacemento. Ademais, farase un rexistro da intervención e tomaranse mostras analíticas que complementen a investigación de seren necesario.
Na terceira etapa, os traballos consistirán na consolidación de varias zonas e no seu rexistro mediante debuxo arqueolóxico dos elementos orixinais e outros procedementos estandarizados no protocolo de consolidacións arqueolóxicas. Seguidamente, levarase a cabo a colocación de sinalización mediante elementos informativos e sinaléctica direccional do percorrido. Por último, realizaranse as tarefas de divulgación.Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario