22.7.11

A Pobra do Caramiñal: inaugurado o campo de fútbol de Cadreche

  • A obra foi realizada conxuntamente pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o Concello da Pobra do Caramiñal e a Deputación da Coruña
  • O secretario xeral de Deporte da Xunta, Lete Lasa, definiu a vida do concello como “rica, variada e exitosa” polos seus importantes logros deportivos

 

A Pobra do Caramiñal, 22 de xullo de 2011-. O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, inaugurou hoxe o campo de fútbol de Cadreche no concello da Pobra do Caramiñal. Lete asegurou que a obra se realizou “cos esforzos compartidos do Concello, a Deputación e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia”; ademais destacou que as instalacións “son froito dun esforzo das tres institucións públicas de case 800.000€, dos que a Secretaria Xeral achegou máis de 300.000”

O secretario xeral para o Deporte definiu esta obra como “un esforzo importante desde o punto de vista económico pero igualmente merecido e de obrigado cumprimento para os que temos a responsabilidade de ofrecer aos cidadáns servizos públicos”.

Así mesmo José Ramón Lete Lasa, fixo referencia á “vida rica, variada e exitosa” do concello coruñés. “Rica e variada polas amplas modalidades deportivas practicadas polos pobrenses” e exitosa “porque entre os seus veciños atopamos medallistas campións do Mundo e de España”.

O secretario xeral para o Deporte asegurou que os éxitos pobrenses terán “un futuro prometedor”, xa que se rexistraron importantes cifras de participación no programa deportivo Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte, así mesmo tamén destacou os 91 equipos que teñen representado á Pobra do Caramiñal en 7 modalidades deportivas.

Lete Lasa rematou asegurando que “o deporte da Pobra do Caramiñal goza de boa saúde e recoñeceu “o labor do alcalde da Pobra, do seu responsable de Deportes e, en definitiva, do conxunto da Corporación Municipal”.

Características do campo
O campo de fútbol Cadreche conta cun terreo de xogo de 95 x 600m. Entre as obras realizadas levouse a cabo una ampliación do espazo de aparcamento existente, o pechamento do recinto, a construción de vestiarios (catro de deportistas e un de árbitros) e a construción de aseos públicos. Ademais tamén se construíron almacéns, cuartos de instalacións e tiveron lugar acometidas das distintas redes de abastecemento, depuración e vertido.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical