- O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 28 de febreiro de 2012 ás 14.00 h
- Na presentación, o xurado destacou a importante contía do premio, dotado con 12.000 euros e unha peza de Artesanía de Galicia elaborada para a ocasión
- O doutor Rafael López recordou que “un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres sufrirán cáncer” pero grazas a iniciativas como ésta, que axudan a investigar, a enfermidade “xa non é tan terrible como hai uns anos”
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2012.- Esta mañá presentouse no Hostal dos Reis Católicos de Santiago o I Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal–Fundación La Rosaleda, cuxo prazo de presentación estará aberto ata o 28 de febreiro. O premio pretende recoñecer o traballo das persoas que buscan solución a un dos grandes males da humanidade e valorar o esforzo e a traxectoria científica no área da investigación oncolóxica destinada á xerar, desenvolver e/ou aplicar os novos coñecementos biolóxicos e clínicos sobre o cancro.
O presidente honorífico do Xurado, o empresario de Ribeira Ramiro Carregal, presidente de Frinsa, traballador incansable e gran humanista preocupado polo desenvolvemento e benestar de Galicia, asegurou sentirse honrado por poder colaborar neste tipo de iniciativas, e recordou a súa propia experiencia para lanzar unha mensaxe optimista: “o cancro curase”.
No acto participaron tamén outros membros do Xurado, constituído por reputados científicos, académicos e investigadores como o Dr. Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e ex-presidente da Sociedade Oncolóxica de Galicia.
O Dr. López agradeceu a Ramiro Carregal o seu apoio polo que definiu como “aposta de futuro” ante a “enfermidade do s. XXI, a que máis xente mata nos nosos días”. O xefe do servizo de Oncoloxía Médica do CHUS recordou que “un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres sufrirán cancro” pero grazas a iniciativas como esta a enfermidade “xa non é tan terrible como fai uns anos”. Con todo “a batalla continúa e só se gañará con investigación”.
Tamén tivo unhas palabras de recordo para os pacientes, os seus familiares e amigos, aos que pediu que “loiten con todas as súas forzas e participen en investigación clínica”, porque é o modo de continuar avanzando.
Xurado
Ademais do Dr. López, forma parte do Xurado o Dr. Juan Jesús Cruz, presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), catedrático do departamento de Medicina da Universidade de Salamanca e especialista en Medicina Interna e Oncoloxía Médica, que non puido estar presente hoxe por motivos de axenda. Si estiveron o catedrático en Farmacoloxía na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago, Manuel Freire-Garabal Núñez, o decano do mesmo centro, o Dr. Juan Gestal Otero, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, e o vicerrector de Investigación e Innovación da USC, Francisco González García, catedrático de Medicina e especialista en Oftalmoloxía.
O presidente da Fundación La Rosaleda, o Dr. Gerardo Fernández Albor, dixo estar convencido de que o esforzo feito para sacar adiante o Premio valerá para dar un paso máis na erradicación desta grave enfermidade. Ademais esta convocatoria supón a constatación dunha colaboración natural entre a Universidade de Santiago, o Hospital Clínico, a Fundación La Rosaleda e a empresa privada.
Un dos maiores premios no seu ámbito
O premio, dotado con doce mil euros (e sometido ás retenciones fiscais que legalmente lle correspondan) é un dos de maior cuantía no seu ámbito. Entregarase así mesmo un galardón acreditativo consistente nunha peza de Artesanía de Galicia creada en exclusiva para a edición deste premio en pedra emperador con incrustaciones en metal e prata e con emblemas esculpidos na propia pedra.
A pedra e o metal alíanse e crean un conxunto ideado para premiar o esforzo e compromiso coa investigación oncológica. As siluetas da letras R e C, iniciais do nome do premio, fan que os dous materiais únanse nunha peza única. O aspecto irregular do bloque pétreo confírelle o carácter de obra inacabada, un símil co motivo do premio e a necesidade de seguir avanzando e traballando no estudo do cancro, as súas causas e tratamentos.
Fallo e entrega do premio
O Xurado outorgará libremente o premio a un dos candidatos propostos ou ben a outro proposto directamente por el. Excepcionalmente poderá darse de forma compartida cando os méritos das persoas, entidades ou grupos presentados se complementen de forma clara.
O premio non poderá quedar deserto e o fallo do Xurado será inapelable e farase público o 1 de marzo de 2012 a través dos medios de comunicación e da páxina web da Fundación La Rosaleda (www.fundacionlarosaleda.org). Así mesmo notificaráselle personalmente ao ganador. O Xurado terá, así mesmo, a potestade de decidir si os traballos non premiados pasan a formar parte da seguinte edición do premio.
A entrega do premio realizarase nun acto solemne, coa asistencia de personalidades do ámbito político, social, académico e científico, en Santiago de Compostela na data que se comunicará no seu momento.
Prazo de presentación aberto
Poderán ser candidatos ao l Premio de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal–Fundación La Rosaleda investigadores de carácter preclínico (investigación básica orientada á obtención de coñecemento con aplicación clínica), e clínico (investigación en humanos), que desenvolvan a súa actividade en centros de investigación ou sanitarios, públicos ou privados, de calquera parte do mundo.
Poderán formular propostas as institucións públicas e privadas, fundacións, asociacións, colexios profesionais, etc. cuxa actividade teña vinculación coa investigación oncolóxica, pero serán excluídas as candidaturas presentadas por quen soliciten o premio para si mesmos ou para os grupos ou entidades a quen representen.
As candidaturas poderán presentarse en castelán, galego e inglés por correo certificado, en sobre pechado coa referencia “Premio de Investigación Oncolóxica”, ao Apartado de Correos 50 de Santiago de Compostela ou á dirección postal da Fundación La Rosaleda (c/Santiago León de Caracas, 1 - 15701 Santiago de Compostela). Igualmente, e coas mesmas características, as candidaturas poden entregarse en man de 9 da mañá a 9 da noite, na recepción do centro ou por correo electrónico enviando a documentación a info@fundacionlarosaleda.org.
En caso de enviala por mail só se considerarán aquelas candidaturas recibidas ata as 23.59 h do día 27 de febreiro de 2012. O resto de solicitudes teñen de prazo ata o 28 de febreiro de 2012 ás 14.00 h.
Premio e avenida: Ramiro Carregal, de novo protagonista
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia