23.3.12

Ribeira: a noiesa Ángela María Viqueira Allo é a nova secretaria xeral do Concello

Secretaria_xeral

  •  Tomou posesión este venres 23 de marzo

 

Ribeira, 23 de marzo de 2012.- Hoxe venres tomou posesión como secretaria xeral do Concello de Ribeira, Ángela María Viqueira Allo.

 

Nacida en Noia, Ángela Viqueira é licenciada en Dereito e habilitada nacional. Anteriormente desempeñara o cargo de secretaria xeral en Rois e en Cambados.

 

O próximo luns 26 de marzo, Viqueira Allo afrontará o seu primeiro pleno ordinario da Corporación Municipal. Tamén será presentada polo alcalde aos voceiros municipais.





 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Psoe di que Feijóo ten "no caixón facturas e pagos pendentes dende fai máis de 7 meses"

  • ”As expropiacións dos terreos do corredor Brión-Noia seguen sen abonarse na súa totalidade dende fai dous anos. Hai confrarías de pescadores con pagos pendentes dende fai meses, e hai construtoras de obra civil que teñen pendentes o abono de certificacións dende o ano 2011. E podería seguir poñendo exemplos da realidade virtual e da propaganda semanal que difunde o Sr. Feijóo. Por iso pedimos que o Consello de Contas analice o prazo medio dos pagos da Xunta de Galicia aos proveedores e sociedades que teñen vínculos contratactuais coa administracción pública”, denunciou hoxe Lage Tuñas.
  • Aprobadas en comisión 7 das 8 recomendacións propostas polo Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia para o traballo do Consello de Contas
  • Piden que haxa unha "fiscalización exhaustiva por parte do Consello de Contas sobre o prazo medio de pago da Xunta a proveedores, empresas e particulares"
  • Lage Tuñas: "As Deputacións non foron concibidas para adicarse a criar cabalos senón para axudar aos concellos", sobre as administracións paralelas
  • O deputado socialista recrimínalle a Feijóo que vaia de "campión do déficit, con anuncios trampa, cando se agochan facturas no caixón"

Noia, 23 de marzo de 2012. O Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista José Manuel Lage defendeu hoxe oito propostas de recomendación para os traballos de fiscalización anual que fai o Consello de Contas e recriminou a Núñez Feijóo que “non se pode ir de campión do déficit, con anuncios trampa, cando se meten facturas no caixón dende fai máis de sete meses. Por iso pedimos unha fiscalización exhaustiva por parte do Consello de Contas sobre o prazo medio de pago a proveedores de servizos e sociedades con contratos coa Xunta”.

Os socialistas conseguiron sacar adiante sete das oito propostas feitas, entre as que se inclúen “a fiscalización dos contratos de subministros e tecnoloxía do Sergas, un informe sobre o abuso da contratación na administracción polo procedemento negociado sen publicidade ou un estudio sobre a dimensión do sector público autonómico”.

Pagos a empresas e particulares pendentes dende fai meses

Destaca nas recomendacións ao Plan Anual de Traballo do Consello de Contas “que se faga fincapé nos prazos medios de pago a provedores por parte da Xunta e das súas sociedades, dentro dos traballos anuais de fiscalización do conxuntos do sector público autonómico.”

Lage Tuñas salientou sobre este punto que mentres o presidente Feijóo insiste nas súas comparecencias semanais en que os pagos a provedores están nun nivel aceptable, en realidade existen atrasos de ata sete meses nos pagos a confrarías, a empresas de construción ou a particulares á espera de que se lles satisfagan as expropiacións. “Non se pode ir de campión do déficit e meter as facturas no caixón”, criticou o deputado socialista.

As expropiacións dos terreos do corredor Brión-Noia siguen sin abonarse na súa totalidade dende fai dous anos. Hai confrarías de pescadores con pagos pendentes dende fai meses, e hai constructoras de obra civil que teñen pendentes o abono de certificacións dende o ano 2011. E podería seguir poñendo exemplos da realidade virtual e da propaganda semanal que difunde o Sr. Feijóo. Por iso pedimos que o Consello de Contas analice o prazo medio dos pagos da Xunta de Galicia aos proveedores e sociedades que teñen vínculos contratactuais coa administracción pública” explicaba hoxe Lage Tuñas.

Outra das recomendacións socialistas aprobadas insta ao Consello de Contas a facer unha labor de análise sobre os procedementos negociados sen publicidade utilizados pola Administración autonómica no seu funcionamento e contratación de obras e servizos. Lage Tuñas xustifica o necesario control do abuso das contratacións polo procedemento negociado sen publicidade “xa que se está restrinxindo a competencia entre empresas e impedise na práctica a concurrencia de pequenas e medianas empresas á licitación de obras e servizos da Administración autonómica.”

Lage ademais de recoñecer os esforzos do órgano fiscalizador para presentar un informe anual do grao de cumprimento polas administracións públicas galegas das recomendacións do Consello de Contas recordou que “seis de cada dez recomendacións do Consello de Contas non se cumpren de forma plena polo Executivo galego. Por iso insistimos no cumprimento das recomendacións do Consello de Contas”.

Fiscalización dos entes das Deputacións Provinciais

Tamén se trasladará ao Consello de Contas a recomendación de incluír aso entes ou organismos dependentes das deputacións provinciais. Insistiu neste sentido José Manuel Lage en que, ao igual que sucede coa autonómica, se poña o foco sobre a Administración paralela das deputacións.

Lage Tuñas advirteu que “as Deputacións Provinciais non foron concebidas para adicarse á cría de cabalos, e si para prestar asistencia e axuda aos concellos”.

Non ten sentido que na provincia de Pontevedra haxa alomenos catro operadores públicos de xestión do solo industrial, Xestur-Pontevedra (Xunta de Galicia), SEA (Suelo Empresarial del Atlántico-85%Estado-15% Xunta), SEPES (Estado), IPESPO (Deputación de Pontevedra)”, abondou Lage Tuñas na comisión do Consello de Contas.

A Deputación de Pontevedra por exemplo creou o IPESPO, cando xa existían tres operadores de xestión do solo empresarial na provincia: ten algún sentido? Pois eu penso que se deben fiscalizar os entes creados polas deputacións provinciais e ver se a súa creación responde aos fins para os que foron concebidas as Deputacións Provinciais”, remachou o deputado socialista José Manuel Lage Tuñas.

Tamén se aprobou por acordo unánime dos grupos presentes que a Comisión inste ao Consello de Contas a continuar aproximando os informes da Conta Xeral ao exercicio en curso.

Os socialistas tamén lograron incluír no lote de recomendacións a avaliación dos procesos de contratación de subministros e tecnoloxía dos centros hospitalarios pertencentes á rede do Servizo Galego de Saúde.

Racionalizar o sector público autonómico

O Consello de Contas tamén recibirá a instancia dos socialista a recomendación de que inclúa na súa tarefa unha análise pormenorizada da dimensión do sector público institucional, concretamente a avaliación da razón de ser de cada unhas das entidades públicas instrumentais e se cumpren ou non o fin para o que foron creadas, así como a orixe do seu financiamento.

Preténdese con isto, afirma Lage Tuñas, ter un estudio serio para dimensionar ben o sector público autonómico. Considera “que hai moitos organismos públicos que non cumpriron coa espectativa coa que foron crearon. É preciso unha racionalización do sector público autonómico en base ás necesidades que ten o noso País, eliminando duplicidades e dotándonos dunha administración forte e áxil na resposta aos problemas dos cidadáns”.

NEGATIVA DO PP A FISCALIZAR O TRANSPORTE ESCOLAR

A única recomendación que non acadou o apoio do Grupo Popular foi a relativa ó encargo ao Consello de Contas dun estudio sobre o financiamento do transporte escolar e a eficiencia dos recursos públicos dedicados a este fin.

Lage Tuñas non entende o motivo polo que “alguén se pode negar a que se avalíe e fiscalice os contratos dos servizos de transporte escolar para avaliar a súa eficiencia e as melloras que sexan necesarias” para o cumprimento dun servizo. Lage considera, sen embargo fundamental que se revisen os contratos “en función do actual mapa escolar de Galicia e das necesidades da comunidade educativa”.

Lage_tuas-pleno_do_parlamento-

Recomendacións plan traballo consello contas 2012 (Aprobadas).doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Día da Árbore serviu para repoboar un pouco o parque natural

  • Un par de centos de rapaces plantaron distintas especies autóctonas

Ribeira, 23 de marzo de 2012.- Máis de 200 rapaces de 4ª de Primaria participaron ao longo desta mañá nos actos conmemorativos do Día da Árbore que tiveron lugar no centro de interpretación CIELGA do parque natural. O Día Forestal Mundial ou Día da Árbore foi, oficialmente, o pasado mércores 21 de marzo, cando entra de xeito máis ou menos oficial a primavera. Tamén cadra ese día o da Poesía.

Procedentes dos colexios Frións, Bayón, Galaxia, Sagrado Corazón (Castiñeiras), La Milagrosa (Oleiros) e da Asociación Ámbar, os rapaces disfrutaron dun soleado día no que tiveron ocasión de practicar distintas actividades en contacto coa natureza, visionaron una vídeo sobre o parque de Corrubedo e as súas especies e tiveron ocasión de plantar diversas árbores autóctonas, das especies bidueiro, castiñeiro e sobreira.

Esta última acción foi realizada baixo a mirada do alcalde Manuel Ruiz Rivas, quen destacou a idoneidade deste tipo de accións para que os veciños máis novos se sensibilicen sobre a importancia de preservar o noso patrimonio ambiental.

Tamén estiveron presentes as concelleiras de Medio Ambiente e Parque Natural (Elvira Pereira) e Educación (María del Carmen Vizcaya), o edil de Seguridade Víctor Reiriz, e a directora do parque, África Núñez.

Barbanziños a San Roque

Continuando coa conmemoración do Día da Árbore, nenos da escola infantil Barbanziños (da Hospital da Barbanza) estarán mañá ás 11 horas no parque periurbano de San Roque, onde plantarán outras especies do país.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o instituto acolleu a inauguración da súa oitava Semana Cultural

A Pobra, 23 de marzo de 2012 -vixésimo cabodano de Antón Avilés de Taramancos-. O salón de usos múltiples do IES da Pobra foi o lugar escollido para a presentación da oitava Semana Cultural do instituto local, na que se van desenvolver unha gran cantidade das actividades lúdico-didácticas.

O director, José Luis Nogueira, e a vicedirectora, Herminda Castro, explicaron brevemente a historia destas xornadas e detallaron polo miúdo a organización das mesmas. "Haberá variedade, para que toda a comunidade educativa poida participar, disfrutar e aprender. Así, dende un taller de alfarería ou unha exibición de aves rapaces; pasando por obradoiros variados sobre arte, metalurxía ou música; ata conferencias, proxeccións, concursos, …", explicaron.

Algunhas das actividades serán realizadas por invitados "ilustres" como o profesor de Dereito e columnista conservador Roberto Blanco Valdés, o deputado nacionalista -do BNG non escindido- Bieito Lobeira ou Encarna Montemuiño, entre outros; tamén representantes do Centro Arqueolóxico da Barbanza e ACAB, Ed. Burlington ou UNICEF.

París e Andorra

Outras serán levadas a cabo por profesorado do centro, dende os diversos departamentos: algún deles desenvolverá actividades de máis percorrido. Por exemplo, o profesorado de Francés está de viaxe en París cun grupo de alumnos, e outro grupo pasará a semana realizando actividades deportivas na neve en Andorra, xunto co profesorado do departamento de Educación Física; ademais, o departamento de Xeografía e Historia organiza de forma coincidente as “3ªs xornadas de Xeografía e Historia” que incluirán charlas, debates e obradoiros.

No mesmo acto tamén se presentou o cartel elaborado a tal efecto polo profesor de Artes Plásticas, e inauguráronse dúas exposicións no mesmo salón: unha adicada ás distintas edicións multilingües do libro Le Petit Prince (O Principiño, de Antoine de Saint-Exupéry): “O Principiño ao redor do mundo, cedida pola fundación Carlos Casares, e outra de gravados realizados por unha antiga profesora do centro, xa falecida, pero moi presente na memoria da comunidade educativa: “Silvia no vento”.

Agradeceron a asistencia de alumnos, profesores, prensa e representantes das familias; e emprazan a todo aquel que queira participar nestas actividades a acompañalos e disfrutar duns días de convivencia e intensa aprendizaxe.


PROGRAMA SC.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o club Voleibol Noia xógase a fase de ascenso á Liga Galega este sábado 24

Noia_volei_feminino

Foto tomada do Facebook do Club Voleibol de Noia

Noia, 23 de marzo de 2012. O próximo sábado 24, mañá, hai unha xornada de deporte escolar ben interesante no Pavillón Alonso Rodríguez: ás 10,00 horas o Club Voleibol Noia Alevín Femenino enfróntase ao Concello de Lousame e, media hora máis tarde, ás 10,30 horas xóganse o título de campionas de liga o Club Voleibol Noia e o Manuela Rial de Cee.


Ás 12,00 horas do mediodía, o equipo xuvenil Feminino Fisioterapia Cinesia xoga a semifinal para a Fase de Ascenso a Liga Galega e enfróntase no Pavillón de Lousame ao Dompa Ourense.
Xa pola tarde, e de novo no Pavillón Alonso Rodriguez, ás 16,00 horas, xógase a final para o Ascenso a Liga Galega Xuvenil Feminino, e o terceiro e cuarto posto.

Antes, en Certo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: o Psoe lamenta a parálise da Xunta para dotar ao municipio de novo edificio xudicial

76867-POC Xulgado de Muros obra pendente de executar.pdf Download this file

  • O Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage interpelou ao goberno galego, na sesión ordinaria da comisión 1ª do Parlamento, para reivindicar diante da Xunta de Galicia a execución dun edificio destinado a albergar as dependencias do xuzgado de primeira instancia do partido xudicial de Muros. Os socialistas recordan que na actualidade ocupa un espacio dentro da casa consistorial muradana

Media_httpfarm8static_zpgoe

  • Lage Tuñas recordou que “o goberno socialista de Pérez Touriño redactou o proxecto e adxudicouno. Cando chegou Feijóo á presidencia da Xunta, o seu goberno anulou a adxudicación e tivo que indemnizar á empresa afectada”

 

Muros, 23 de marzo de 2012. O responsable da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage, advertiu que a Xunta de Galicia “non ten intención” de construír o novo edificio para o xulgado de Muros, que fora deseñado, orzamentado e adxudicado na pasada lexislatura. Así o dixo no debate dunha pregunta oral o pasado mércores que presentou na Comisión Institucional do Parlamento sobre a paralización desta obra.

 

Recordou que “esta demanda vén de vello e foi atendida na pasada lexislatura cun goberno socialista na Xunta de Galicia”. Dixo que sempre entendimos que a sede xudicial de Muros ubicada dentro da casa do Concello estaba alí de forma temporal e que o propio era dotar ao Partido Xudicial cun edificio propio onde se ubicaría o xulgado de primeira instancia, entre outros servizos”.

 

O responsable socialista criticou que o Goberno galego teña paralizado esta construción dende a chegada de Feijóo á presidencia da Xunta, hai tres anos, porque malia “vangloriarse dun suposto investimento sen precedentes en infraestruturas xudiciais e alardean de compromiso coa mellora de servizos xudiciais, o que sabemos é que non consideran unha prioridade ao xulgado de Muros e a proba está aquí”.

 

Lembrou que na pasada lexislatura, baixo goberno socialista, foron dados “pasos ben relevantes” para executar este proxecto, pero que a chegada do PP á Xunta supuxo tres anos de parálise desta iniciativa.

 

Lage Tuñas recordou que “o goberno socialista de Pérez Touriño redactou o proxecto e adxudicouno. Cando chegou Feijóo á presidencia da Xunta, o seu goberno anulou a adxudicación e tivo que indemnizar á empresa afectada.  Despois de tres anos o que pedimos é un compromiso firme para que se dote a Muros cun edificio propio para o Partido Xudicial. E cabe recordar que o concello xa cedeu unha parcela e existe un proxecto redactado, agora só falta a vontade da Xunta de materializalo”.


Na súa nota de prensa, o Psoe non se pronuncia sobre as recentes noticias de diálogo entre Bng e PP para desaloxar a Caridade González da alcaldía.


Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: orde do día do pleno deste luns 26 de marzo

Pleno Marzo.doc Download this file

Media_httpfarm3static_fcice

Un dos temas a tratar serán as renuncias dos edís do Bng que comentamos en:


Política: o Bng de Ribeira, de mudanza total

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Literatura: "Orlando pendurado", presentado oficialmente en Ribeira, xa nas librarías

  • A novela é a gañadora da 3ª edición do certame "Cidade Centenaria de Ribeira"
  • Concello e editorial Xerais asinaron novo convenio para seguir publicando as obras deste certame bienal

Ribeira, 23 de marzo de 2012
.- O Salón de Plenos do Consistorio viviu onte un acto co que se quixo dar a coñecer á cidadanía do concello a publicación de “Orlando Pendurado”, de Goretti Fariña, obra gañadora da terceira edición do Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.

O alcalde Manuel Ruiz, o director da editorial Xerais, Manuel Bragado; a concelleira de Cultura Elvira Pisos; e a propia Goretti Fariña sentáronse na mesa presidencial para falar da novela publicada, da relevancia dun premio que tras seis anos de andadura xa está asentado como un referente no seu xénero, e da convocatoria da súa cuarta edición na que se seguirá a contar co apoio de Xerais, “a máis importante editorial de Galicia, que dá unha proxección extra a este premio”, segundo palabras de Ruiz Rivas.

O acto contou coas notas musicais do profesor de piano do Conservatorio Profesional de Ribeira, Luis Ignacio Blanco Picos, mentres que o escritor, profesor e editor e profusamente galardoado escritor Antonio Piñeiro (membro do xurado xunto con Manuel Bragado, Xabier López Marqués e María Ángeles López Sampedro) leu un fragmento da obra gañadora.

Manuel Ruiz destacou a dobre finalidade deste premio de incentivar aos xóvenes autores e de honrar á cultura e á lingua galega. Quixo felicitar aos membros do xurado e tamén aos que formaron parte do Comité do Centenario, “punto de inflexión en canto ás actividades culturais do noso concello, como se pon de relevancia coa creación destes premios”. Sinalou a importancia da cultura, á cal este Concello vaille dedicar o mes de xuño e agradeceu a edicións Xerais a posibilidade de que se fagan visibles os autores galegos. “Non hai mellor lustre que edicións Xerais publique e vaia publicitando as obras gañadoras para darlle un maior prestixio”, destacou o alcalde.

Verbas da gañadora

Goretti Fariña (nacida en 1965 en San Xoán de Baión, en Vilanova de Arousa) desexou un longo futuro ao certame de novela curta e mostrouse encantada coa publicación da súa novela, ambientada no mundo naval. Segundo explicou, a historia conta a evolución mental dun neurótico ao longo dunha hora que entra en diálogo coa súa conciencia e revisa o seu pasado. Orlando Valiñas é un ex seminarista que por mor dun accidente laboral queda pendurado en perigo de morte, o que interpreta como un sinal do máis alá. “Penso que se algunha metáfora hai neste libro é que todos algunha vez nos atopamos en circunstancias angustiosas e tendemos a facernos promesas a nós mesmos coa certeza de que non as imos cumprir”, reflexionou.

Fala o editor
 
Manuel Bragado declarou que este certame “xa está sinalando unha tradición, enxergando un horizonte pola súa continuidade” e respecto da obra publicada destacou o tema de como “o ser humano aborda a sensación de fracaso” e aludiu á súa prosa elegante e fermosa.

A principal modificación que sufrirá a cuarta edición do Concurso será a ampliación dende 120.000 caracteres a 140.000 o límite máximo das obras presentadas. A convocatoria para presentar obras comezou onte e rematará o 23 de marzo de 2013. Segundo manifestou Pisos Arnoso, a organización confía en superar as novelas presentadas na última edición, chegadas de lugares como Xaén, Vilagarcía, Oviedo, Riveira, Vigo, Noia ou Rianxo.

Nas súas dúas anteriores convocatorias o premio recaera en “As mellores intencións”, de Begoña Paz; e en “Vertixes”, de Ignacio Silva, ambas tamén publicadas por Xerais.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical