23.3.12

Literatura: "Orlando pendurado", presentado oficialmente en Ribeira, xa nas librarías

  • A novela é a gañadora da 3ª edición do certame "Cidade Centenaria de Ribeira"
  • Concello e editorial Xerais asinaron novo convenio para seguir publicando as obras deste certame bienal

Ribeira, 23 de marzo de 2012
.- O Salón de Plenos do Consistorio viviu onte un acto co que se quixo dar a coñecer á cidadanía do concello a publicación de “Orlando Pendurado”, de Goretti Fariña, obra gañadora da terceira edición do Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.

O alcalde Manuel Ruiz, o director da editorial Xerais, Manuel Bragado; a concelleira de Cultura Elvira Pisos; e a propia Goretti Fariña sentáronse na mesa presidencial para falar da novela publicada, da relevancia dun premio que tras seis anos de andadura xa está asentado como un referente no seu xénero, e da convocatoria da súa cuarta edición na que se seguirá a contar co apoio de Xerais, “a máis importante editorial de Galicia, que dá unha proxección extra a este premio”, segundo palabras de Ruiz Rivas.

O acto contou coas notas musicais do profesor de piano do Conservatorio Profesional de Ribeira, Luis Ignacio Blanco Picos, mentres que o escritor, profesor e editor e profusamente galardoado escritor Antonio Piñeiro (membro do xurado xunto con Manuel Bragado, Xabier López Marqués e María Ángeles López Sampedro) leu un fragmento da obra gañadora.

Manuel Ruiz destacou a dobre finalidade deste premio de incentivar aos xóvenes autores e de honrar á cultura e á lingua galega. Quixo felicitar aos membros do xurado e tamén aos que formaron parte do Comité do Centenario, “punto de inflexión en canto ás actividades culturais do noso concello, como se pon de relevancia coa creación destes premios”. Sinalou a importancia da cultura, á cal este Concello vaille dedicar o mes de xuño e agradeceu a edicións Xerais a posibilidade de que se fagan visibles os autores galegos. “Non hai mellor lustre que edicións Xerais publique e vaia publicitando as obras gañadoras para darlle un maior prestixio”, destacou o alcalde.

Verbas da gañadora

Goretti Fariña (nacida en 1965 en San Xoán de Baión, en Vilanova de Arousa) desexou un longo futuro ao certame de novela curta e mostrouse encantada coa publicación da súa novela, ambientada no mundo naval. Segundo explicou, a historia conta a evolución mental dun neurótico ao longo dunha hora que entra en diálogo coa súa conciencia e revisa o seu pasado. Orlando Valiñas é un ex seminarista que por mor dun accidente laboral queda pendurado en perigo de morte, o que interpreta como un sinal do máis alá. “Penso que se algunha metáfora hai neste libro é que todos algunha vez nos atopamos en circunstancias angustiosas e tendemos a facernos promesas a nós mesmos coa certeza de que non as imos cumprir”, reflexionou.

Fala o editor
 
Manuel Bragado declarou que este certame “xa está sinalando unha tradición, enxergando un horizonte pola súa continuidade” e respecto da obra publicada destacou o tema de como “o ser humano aborda a sensación de fracaso” e aludiu á súa prosa elegante e fermosa.

A principal modificación que sufrirá a cuarta edición do Concurso será a ampliación dende 120.000 caracteres a 140.000 o límite máximo das obras presentadas. A convocatoria para presentar obras comezou onte e rematará o 23 de marzo de 2013. Segundo manifestou Pisos Arnoso, a organización confía en superar as novelas presentadas na última edición, chegadas de lugares como Xaén, Vilagarcía, Oviedo, Riveira, Vigo, Noia ou Rianxo.

Nas súas dúas anteriores convocatorias o premio recaera en “As mellores intencións”, de Begoña Paz; e en “Vertixes”, de Ignacio Silva, ambas tamén publicadas por Xerais.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical