Rianxo, 16 de marzo de 2011.- O cabeza de lista e candidato á alcaldía de Rianxo, Adolfo Muíños, asegurou que “o BNG quere ser a forza de goberno en Rianxo, para mudar non só as persoas senón as políticas que se veñen aplicando no noso concello”. Sinalou isto na súa presentación oficial, onde o apoiou o líder do Bng, Guillerme Vázquez. Entre os obxectivos do Bng están un PXOM ao servizo dos que viven en Rianxo, centro de día, apoio aos sectores produtivos e achegamento ás parroquias. O candidato do BNG criticou que “despois de 25 anos atascado, Rianxo aínda non conta cun Plan Xeral de Ordenación Municipal”. A este respeito, salientou que “nos queremos modificar o urbanismo que se ven facendo no noso concello, para poñelo ao servizo dos que viven e queren vivir en Rianxo”. Outro punto básico do BNG é o potenciamento dos servizos de benestar. Adolfo Muíños lembrou que “carecemos de servizos tan básicos para as persoas maiores como un centro de día”. Ademais, comprometeuse a poñer en marcha unha rede de actuacións culturais descentralizada que chegue a todas as parroquias, “algo que tamén queremos estender a outras actuacións do concello”.
Do mesmo xeito, Adolfo Muíños criticou a política de recortes sociais que o Partido Popular está a aplicar dende a Xunta de Galicia. Neste sentido, anunciou que “comprométome a defender o mantemento do servizo de urxencias no Centro de Saúde”. Por último, o candidato do BNG anunciou “unha estratexia para defender os sectores produtivos básicos, como o mar, así como favorecer a instalación de empresas no polígono a través dun viveiro para emprendedores, todo co obxectivo de que a nosa mocidade non teña que marchar fóra para atopar un traballo”.
Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez afirmou hoxe na Casa da Cultura de Rianxo que o nacionalismo galego é a garantía de que o PP “non traslade a súa incompetencia demostrada na Xunta de Galiza aos concellos do País, tal e como ameazan que queren facer”. O líder nacionalista botou en cara ao PP a súa nula xestión en defensa dos sectores básicos do País e así ironizou perguntando “alguén sabe onde está a Conselleira do Mar para defender a nosa frota pesqueira e ás nosas mariscadoras?”
O líder nacionalista defendeu que a chave para criar emprego na Galiza pasa “por respaldar os sectores produtivos, tal e como fai o BNG alí onde goberna". “Somos unha forza política en ascenso porque cada día hai máis galegas e galegos que entenden que as forzas políticas estatais non teñen nada que ofrecer a Galiza”, afirmou. "Somos a alternativa real ás políticas antisociais que promoven o PP desde o Goberno galego e o PSOE desde o Goberno do Estado, pero temos tamén un balance contrastado de Goberno, temos demostrado alí onde gobernamos que poñemos os concellos ao servizo das maiorías sociais e non dos poderosos". Na súa intervención, o líder do BNG incidiu en que “cada día máis xente ten claro que o futuro de Galiza pasa por apostar por ser ela mesma e por unha forza política propia do País, pola única forza política que ten o seu centro de decisión en Galiza. Non podemos continuar baixo o goberno de forzas políticas que non deciden aquí, senón en Madrid". "Con imaxinación e con iniciativa, é perfectamente posíbel que os concellos sexan axentes dinamizadores da economía. Iso é o que están a agardar de nós os cidadáns", continuou o líder do BNG. "Os concellos non son para os nacionalistas células ailladas,senón que fan parte dun todo chamado Galiza. Temos un modelo territorial propio e alternativo ao das forzas políticas estatais. Un modelo que pasa pola supresión das Deputacións e pola comarcalización e constitución de áreas metropolitanas", concluíu.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia