13.2.13

A Pobra: o desfile de Entroido aprazado pola chuvia terá lugar este venres 15

Entroido_pobra

A Pobra, 13 de febreiro de 2013. A Concellaría de Festexos da Pobra anuncia que o desfile de carrozas e disfraces que tivo que ser aprazado pola chuvia finalmente vaise celebrar este venres 15 de febreiro ás 17:30 h. O punto de encontro para os participantes será na Covecha.

Participarán no desfile as comparsas Samieira de Poio, Os Paparrulos de Marín, Os Miúdos de Arcade e Os da Caña de Marín. A valoración dos participantes por parte dos cinco membros do xurado será no escenario ubicado diante do colexio Fernández Varela, onde previamente se procederá á entrega dos premios do concurso infantil celebrado o domingo 10 de febreiro.

Premios na categoría de carrozas:

  • 1º- 600 euros
  • 2º- 450 euros
  • 3º- 300 euros
  • 4º- 150 euros

Premios na categoría de grupos, parellas e individuais:

  • 1º- 350 euros
  • 2º- 250 euros
  • 3º- 200 euros
  • 4º- 125 euros
  • 5º- 75 euros
  • 6º- 50 euros

A Concellaría de Festexos da Pobra convida a tódolos veciños a participar e disfrutar desta xornada de entroido.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este sábado, 16 de febreiro, retómase o Día do Deporte, logo de cinco anos parado

Rianxo, 13 de febreiro de 2013. O Concello de Rianxo organiza este sábado, 16 de febreiro, ás 21 horas no auditorio, o VIII DÍA DO DEPORTE, no que se vai recoñecer o traballo e os logros deportivos das entidades e deportistas rianxeiros.

Os clubs deportivos deste concello, os deportistas máis destacados e os patrocinadores que apoian o deporte serán os principais protagonistas deste acto que xa chega á súa 8ª edición. Posto que a última se celebrou no 2008, nesta repasaranse os momentos mais destacados do deporte local durante estes catro anos. Ademais, farase entrega do Premio ó Mérito Deportivo, que cada edición recae nunha persoa cunha traxectoria de especial entrega e adicación na promoción do deporte e dos valores deportivos en Rianxo.

Estará presidida esta gala do deporte rianxeiro polo Alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e o Concelleiro de Deportes, Joaquín Domínguez Salgado, contando coa participación doutras autoridades locais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: trinta postos na primeira Feira de Inverno do Pequeno Comercio no Malecón do 15 ao 17 de febreiro

  • Os establecementos locais acolleron moi ben esta iniciativa que se fará esta fin de semana

 

Ribeira, 13 de febreiro de 2013.- Un total de trinta stands de oito metros cadrados cada un encherán por completo a carpa habilitada no Malecón con motivo da celebración da Primeira Feira de Inverno do Pequeno Comercio de Ribeira: unha iniciativa organizada polo Concello en estreita colaboración coa Asociación de Empresarios que se desenvolverá do 15 ao 17 de febreiro.


O evento foi presentado hoxe polos concelleiros de Atención Cidadá (Juan Luis Martínez Queiruga) e de Fomento do Emprego, Comercio, Turismo e Pemes (Anxo Orellán Fernández), coa participación do presidente da Asociación de Empresarios de Riveira (José Paz Cadabal). Tamén interveu a técnica municipal Sandra Fernández para ofrecer detalles técnicos do acontecemento.

O edil e tenente de alcalde Juan Luis Martínez declarou que, ao igual que outras iniciativas nas que se está a traballar dende o Concello, esta feira xorde co propósito de contribuír á dinamización do comercio local. Anxo Orellán resaltou a moi boa acollida con que recibiu o comercio local a celebración deste evento e animou á toda a veciñanza a que responda a esta aposta acudindo á carpa expositiva e mercando algúns dos produtos que alí se ofrezan.

 

Pola súa parte, José Paz explicou que a feira naceu a raíz da solicitude dun certo número de comercios motivados polas baixas ventas que están marcando a época invernal e expresou a súa esperanza de que a experiencia sexa un éxito. Tamén salientou a idoneidade da ubicación da Carpa, ao ser o Malecón a zona de máis tránsito de Riveira.

Entre os produtos que se poderán atopar no certame figuran roupa infantil e de adultos, complemento, calzado, artigos deportivos e incluso unha vinoteca. Participan tanto empresas que forman parte da citada Asociación como outras non asociadas.

 

Inauguración e actividades complementarias

A feira será inaugurada o venres ás 17 horas polo alcalde, día en que estará aberta ata os 22 horas. O sábado abrirá de 10 a 22 horas e o domingo, de 11 a 20 horas.

Coa fin de estimular a afluencia de público e potenciais ventas, ao longo da feira terá lugar un conxunto de actividades complementarias dirixidas principalmente aos nenos para que os seus pais e nais estean un pouco máis libres á hora de efectuar as súas compras.

Así, o venres o evento contará con dúas mascotas animadas, ademais da citada inauguración que contará coa participación dun grupo de gaitas. O sábado, de 17 a 19 horas poranse en marcha talleres de manualidades: mesma acción que terá lugar o domingo, de 12 a 14 e de 18 a 20 horas. A feira será clausurada ás 20 horas do domingo coa actuación dun grupo de gaitas.


Antes anunciamos:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este sábado 16 e o vindeiro 23 de febreiro, "Merend-Arte" no Centro Social



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Redonda Vella", primeiro premio no Festival de Murgas e Comparsas

O Festival de Murgas e Compartas do Entroido 2013, que tivo lugar no día de onte en Ribeira, con 13 colectivos participantes, tivo os seguintes gañadores:

  • 1º PREMIO (dotado de 1.000 euros): Murga de Castiñeiras da Asociación Cultural A Redonda Vella.
  • 2º PREMIO (500 euros) : Murga da Asociación de Veciños de Carreira
  • 3º PREMIO (350 euros): Murga Marajota e media da Coral Polifónica de Vilaxoán

Ademais, gratificouse con 200 € ás seguintes agrupacións das categorías infantil e adulta e nas modalidades de murga ou comparsa: A.C. Alfaia con 300 € (por acudir cunha comparsa e cunha murga infantil ); Aires de Dorna, E.B. El Tomasón, Residencia do Maior de Ribeira, Clube de Pensionistas e Xubilados do Mar de Ribeira, Amas de Casa de Ribeira, Amencer, Centro Social Santa Uxía 3ª Idade e Asociación c. Haveira cunha gratificación de 200 € cada unha, facendo un total de 1.900 € en gratificacións.

O xurado estivo composto por:

  • Elvira Pisos Arnoso: concelleira de Cultura e presidenta do xurado.
  • Enrique Paisal Rego: especialista en música.
  • Mónica Filgueira Piñeiro: especialista en moda e vestiario.
  • Manuel Vilarrey: especialista en peluquería e maquillaxe.
  • Kica Ferández Méndez: especialista de artes escénicas.
  • Alicia Padín Otero: especialista en letra, literatura e lingua.
  • Unai González Suárez: técnico de Cultura e secretario do xurado (sen voto).

Concurso de Decoración da Hostalería do Entroido

 

En canto ao Concurso de Decoración da Hostalería do Entroido de Ribeira, e tras a visita polo xurado dos locais participantes, o resultado foi o seguinte:

  • Cafetería Botter, de Victor Manuel Casais: PRIMEIRO PREMIO
  • Vinoteca Abuela Gloria, de David Fernández: SEGUNDO PREMIO
  • Café Bar Desván, de Sheila Suárez: TERCEIRO PREMIO
  • Café Bar Plaza, de Antonio Lijó: CUARTO PREMIO

 

Os premios consisten nunha figura de cerámica de Sargadelos que representa ao FARO DE CORRUBEDO e que o Concello de Riveira estableceu como agasallo institucional pola simboloxía e importancia histórica e patrimonial que ten para este municipio.

O xurado deste concurso estivo composto por:

  • Elvira Pereira Ageitos, presidenta do xurado e concelleira de medio ambiente.
  • Elvira Pisos Arnoso, concelleira de Cultura.
  • Amalia Fontao.
  • Beatriz Martínez Del Campo Ricoy.
  • Unai González: técnico de Cultura e secretario do xurado (sen voto).



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este venres 15, conferencia sobre "Os nomes do mar", por Xosé Lois Vilar

Nomes_mar_ateneo

  • No Ateneo Valle Inclán, ás 20:30
  • Presentado por Xosé Henrique Costas, vicereitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e correspondente da Real Academia Galega
  • Ten un resumo do que vai falar en http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=13539

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o mércores 20 e xoves 21 de febreiro, obradoiro de creación co escritor brasileiro Amílcar Bettenga

FICHA INSCR AMILCAR BETTEGA.pdf Download this file

  • O venres 22 o mesmo autor fará unha lectura de textos e posterior conversa co público na Biblioteca "Castelao"
  • É preciso anotarse para o obradoiro literario. Á lectura pódese asistir libremente.

Rianxo, 13 de febreiro de 2013. O Concello de Rianxo e a Editorial Axóuxere, continuando a colaboración iniciada o pasado 2012 destinada á promoción da creación literaria e artística aproveitando o programa de residencias da mencionada editorial, anuncian a convocatoria dun novo obradoiro de creación e dunha sesión de lectura e conversa a cargo do escritor brasileiro Amilcar Bettega que terán lugar, o primeiro, no Auditorio de Rianxo, de 19:00 a 21:30 horas os días 20 e 21 de febreiro (é precisa inscrición), e a segunda, o 22 de febreiro, de 20:00 a 22:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal Castelao (acceso libre). Máis información e ficha de inscrición en www.rianxo.com.

OLLO: ANTES DO 19 DE FEBREIRO

A Ficha de inscrición do obradoiro deberase enviar debidamente cumprimentada e por email antes do 19 de febreiro a cultura@concelloderianxo.es, co asunto: Obradoiro de Amilcar Bettega.

Biografía e carreira deste escritor brasileiro

NADO en São Gabriel, Rio Grande do Sul, en 1964, Amilcar Bettega Barbosa é escritor e mestre en Literatura Brasileira. O seu primeiro libro, unha compilación de contos titulada O voo do trapezista, apareceu na Editora Movimento, de Porto Alegre, en 1994, e valeulle a concesión do Prêmio Açorianos de Literatura, así como unha mención de honra no Premio Casa de las Américas de Cuba. En 2002 publicou no BrasilDeixe o quarto como está; Estudos para a composição do cansaço (Companhia das Letras, São Paulo), e na mesma editora Os lados do círculo, en 2004 (seleccionado para o prestixioso Prêmio Portugal Telecom de Literatura como mellor libro brasileiro de ficción) que posteriormente aparecería en Portugal (Ed. Caminho, 2009) e en España (Baile del Sol, 2011). Ten publicado textos en antoloxías, xornais e revistas literarias do Brasil, Francia, Suecia, Luxemburgo e os Estados Unidos, e a súa primeira novela, Bariyer, sairá á luz nos primeiros meses deste ano. Publicou ademais como tradutor o volume titulado125 contos de Guy de Maupassant. Fortemente vencellado á Escrita Creativa, ten defendido unha tese neste ámbito co-titorada entre a Université Sorbonne de París, e a Pontifícia Universidade de Porto Alegre; e foi convidado en 2010 a participar no International Writing Program da Universidade de Iowa, nos Estados Unidos, berce e centro de referencia mundial da Escrita Creativa. O traballo do autor na Residencia de Escritores/as de Axóuxere basearase na relectura, selección e refinamento de textos breves xa escritos, así como na escrita dalgúns novosUns e outros consolidarán un futuro libro cunha sorte de escrita que, aínda sendo breve, distánciase da idea tradicional do conto e o relato, posto que refuga dos elementos que habitualmente configuran estes, é dicir, o trazado dunha historia cun conflito e desenlace pechados, para na vez diso -neste novo proxecto que vén traballar á Residencia- desenvolver a partir de situacións simples, unha serie de “instantes ficcionais”, como provisoriamente os define o seu autor, imaxes que desenvolven non só unha prosa con valor de seu, senón tamén unha poesía contida nela.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Entroido: Ámbar premiou os mellores disfraces na súa festa das lambonadas

Ribeira, 13 de febreiro de 2013. O pasado luns, día 11 de febreiro, celebrouse no Centro Ocupacional e Centro de Día da Asociación AMBAR das Persoas con Diversidade Funcional unha gran festa de Antroido na que non faltou a música, o baile e os doces típicos. Á primeira hora da mañá os fogóns da cociña do Centro de Recursos comezaron a funcionar para preparar as ricas rosquillas de carnaval, mentras nos talleres, cada grupo se vestía e maquillaba para a ocasión.

 

Arredor das 12, amigos e familiares achegáronse ó Centro de Recursos da Barbanza para asistir ao festival ambientado nun mundo de lambonadas e presentado por unha Bolsa de Caramelos de Anís (Mª Carmen González) e onde Hansel e Gretel abriron un espectacular desfile de doces coas chocolatinas Kit Kat, os Xeados de sabores, os Lacasitos, os Bastóns de Caramelo, o surtido Cuétara ao completo, e unhas ricas piruletas de corazón. O público e os participantes tamén puideron degustar unha pequena mostra destes doces así como as típicas rosquillas.

 

Tralo desfile, o xurado coa axuda da votación do público proclamou os seguintes premios:

Mellor disfraz: Surtido Galletas Cuétara

Mellor maquillaxe: Bastóns de Caramelo

Mellor decorado: Kit Kat

Mellor posta en escena: Piruletas de Corazón

Rei do antroido: Benigno Carou (do grupo Lacasitos).

Raíña do antroido: Carmen Pazos (do grupo Os Xeados).

 

A festa rematou cun baile no que participaron os usuarios do centro, o persoal e os invitados (familiares e amigos), amosando estes últimos as súas felicitacións polo traballo realizado.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Leo Bassi, protagonista da divertida sátira da reinauguración do Coliseo Noela

  • Na parodia criticáronse repetidamente os recortes e o cómico italiano chamou á poboación noiesa a "espertar da hipnose a que nos someten os políticos"



Leo Bassi soubo quentar ao público, que papou un frío estarrecedor

Noia, 12 de febreiro de 2013. Todo o que pasou onte en Noia estaba baseado en feitos reales, pero calquera cousa que alí se dixese podía acollerse ao vellón refrán entroideiro: "En Carnaval, nada está mal". Un palabroteiro Cipote imitador do Chicote de "Pesadilla en la cocina" e unha desmellarada Ana Igartiburu co seu habitual "Hola, corazones", foron os encargados de presentar unha gala tróspida que estivo ameazada todo o tempo pola chuvia pero que non tivo medo dela. Nin da chuvia nin de enlamarse en todos os asuntos da actualidade política noiesa e nacional. 

Velaquí teñen o vídeo con parte desa actuación:



Ana Igartiburu e Chicote "Cipote" retransmitiron en directo para TelaInco


O tripartito chegou nunha especie de litera sobre rodas, flanqueado pola oposición, un imitador de "Tono"


O alcalde real, á esquerda, con dous membros da corporación paródica

O alcalde ficticio foi o concelleiro de Cultura de Noia, Javier Rodríguez




Nun dos seus habituais excesos como cómico, Bassi case se ispe (estaba a 5 graos a temperatura ambiente na rúa) e logo puxo intención de queimar o teatro Noela para que o "recorte fose total"


"Xunta, escoita, o Grumir está en loita" foi un dos berros coreados polos manifestantes



Os bombeiros fixeron un Full Monty interruptus. A temperatura non estaba para tanta broma



A "limusina" en que chegou Leo Bassi pertenceu á escolta de Franco

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Leo Bassi protagonizou a divertida sátira da reinauguración do Coliseo Noela

  • Na parodia criticáronse repetidamente os recortes e o cómico italiano chamou á poboación noiesa a "espertar da hipnose a que nos someten os políticos"


Media_httpfarm9static_ehbzb

Leo Bassi soubo quentar ao público, que papou un frío estarrecedor

Noia, 12 de febreiro de 2013. Todo o que pasou onte en Noia estaba baseado en feitos reales, pero calquera cousa que alí se dixese podía acollerse ao vellón refrán entroideiro: "En Carnaval, nada está mal". Un palabroteiro Cipote imitador do Chicote de "Pesadilla en la cocina" e unha desmellarada Ana Igartiburu co seu habitual "Hola, corazones", foron os encargados de presentar unha gala tróspida que estivo ameazada todo o tempo pola chuvia pero que non tivo medo dela. Nin da chuvia nin de enlamarse en todos os asuntos da actualidade política noiesa e nacional. 

Velaquí teñen o vídeo con parte desa actuación:



Ana Igartiburu e Chicote "Cipote" retransmitiron en directo para TelaInco


O tripartito chegou nunha especie de litera sobre rodas, flanqueado pola oposición, un imitador de "Tono"


O alcalde real, á esquerda, con dous membros da corporación paródica

O alcalde ficticio foi o concelleiro de Cultura de Noia, Javier Rodríguez




Nun dos seus habituais excesos como cómico, Bassi case se ispe (estaba a 5 graos a temperatura ambiente na rúa) e logo puxo intención de queimar o teatro Noela para que o "recorte fose total"


"Xunta, escoita, o Grumir está en loita" foi un dos berros coreados polos manifestantes



Os bombeiros fixeron un Full Monty interruptus. A temperatura non estaba para tanta broma



A "limusina" en que chegou Leo Bassi pertenceu á escolta de Franco

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical