Ribeira, 13 de febreiro de 2013. O pasado luns, día 11 de febreiro, celebrouse no Centro Ocupacional e Centro de Día da Asociación AMBAR das Persoas con Diversidade Funcional unha gran festa de Antroido na que non faltou a música, o baile e os doces típicos. Á primeira hora da mañá os fogóns da cociña do Centro de Recursos comezaron a funcionar para preparar as ricas rosquillas de carnaval, mentras nos talleres, cada grupo se vestía e maquillaba para a ocasión.
Arredor das 12, amigos e familiares achegáronse ó Centro de Recursos da Barbanza para asistir ao festival ambientado nun mundo de lambonadas e presentado por unha Bolsa de Caramelos de Anís (Mª Carmen González) e onde Hansel e Gretel abriron un espectacular desfile de doces coas chocolatinas Kit Kat, os Xeados de sabores, os Lacasitos, os Bastóns de Caramelo, o surtido Cuétara ao completo, e unhas ricas piruletas de corazón. O público e os participantes tamén puideron degustar unha pequena mostra destes doces así como as típicas rosquillas.
Tralo desfile, o xurado coa axuda da votación do público proclamou os seguintes premios:
Mellor disfraz: Surtido Galletas Cuétara
Mellor maquillaxe: Bastóns de Caramelo
Mellor decorado: Kit Kat
Mellor posta en escena: Piruletas de Corazón
Rei do antroido: Benigno Carou (do grupo Lacasitos).
Raíña do antroido: Carmen Pazos (do grupo Os Xeados).
A festa rematou cun baile no que participaron os usuarios do centro, o persoal e os invitados (familiares e amigos), amosando estes últimos as súas felicitacións polo traballo realizado.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario