13.2.13

Ribeira: trinta postos na primeira Feira de Inverno do Pequeno Comercio no Malecón do 15 ao 17 de febreiro

  • Os establecementos locais acolleron moi ben esta iniciativa que se fará esta fin de semana

 

Ribeira, 13 de febreiro de 2013.- Un total de trinta stands de oito metros cadrados cada un encherán por completo a carpa habilitada no Malecón con motivo da celebración da Primeira Feira de Inverno do Pequeno Comercio de Ribeira: unha iniciativa organizada polo Concello en estreita colaboración coa Asociación de Empresarios que se desenvolverá do 15 ao 17 de febreiro.


O evento foi presentado hoxe polos concelleiros de Atención Cidadá (Juan Luis Martínez Queiruga) e de Fomento do Emprego, Comercio, Turismo e Pemes (Anxo Orellán Fernández), coa participación do presidente da Asociación de Empresarios de Riveira (José Paz Cadabal). Tamén interveu a técnica municipal Sandra Fernández para ofrecer detalles técnicos do acontecemento.

O edil e tenente de alcalde Juan Luis Martínez declarou que, ao igual que outras iniciativas nas que se está a traballar dende o Concello, esta feira xorde co propósito de contribuír á dinamización do comercio local. Anxo Orellán resaltou a moi boa acollida con que recibiu o comercio local a celebración deste evento e animou á toda a veciñanza a que responda a esta aposta acudindo á carpa expositiva e mercando algúns dos produtos que alí se ofrezan.

 

Pola súa parte, José Paz explicou que a feira naceu a raíz da solicitude dun certo número de comercios motivados polas baixas ventas que están marcando a época invernal e expresou a súa esperanza de que a experiencia sexa un éxito. Tamén salientou a idoneidade da ubicación da Carpa, ao ser o Malecón a zona de máis tránsito de Riveira.

Entre os produtos que se poderán atopar no certame figuran roupa infantil e de adultos, complemento, calzado, artigos deportivos e incluso unha vinoteca. Participan tanto empresas que forman parte da citada Asociación como outras non asociadas.

 

Inauguración e actividades complementarias

A feira será inaugurada o venres ás 17 horas polo alcalde, día en que estará aberta ata os 22 horas. O sábado abrirá de 10 a 22 horas e o domingo, de 11 a 20 horas.

Coa fin de estimular a afluencia de público e potenciais ventas, ao longo da feira terá lugar un conxunto de actividades complementarias dirixidas principalmente aos nenos para que os seus pais e nais estean un pouco máis libres á hora de efectuar as súas compras.

Así, o venres o evento contará con dúas mascotas animadas, ademais da citada inauguración que contará coa participación dun grupo de gaitas. O sábado, de 17 a 19 horas poranse en marcha talleres de manualidades: mesma acción que terá lugar o domingo, de 12 a 14 e de 18 a 20 horas. A feira será clausurada ás 20 horas do domingo coa actuación dun grupo de gaitas.


Antes anunciamos:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical