5.2.13

Saúde: Barbanza, entre as primeiras en Galicia en mobilizarse a prol da saúde pública estes días

Barbanza, 5 de febreiro de 2013. As protestas contra os recortes salariais e nos orzamentos destinados á sanidade pública prolongaranse todo este mes de febreiro e a bisbarra barbanzana será das que leven a voz cantante para defendela, como xa se veu facendo ata agora. Os traballadores e traballadoras da saúde iniciaban hoxe, martes 5 de febreiro, o calendario de mobilizacións en contra dos recortes e as medidas contempladas na Lei de Orzamentos de 2013 que, denuncian, terán graves consecuencias laborais, salariais e para a calidade da prestación sanitaria. As accións de protesta comezaron nos hospitais de Ourense, A Coruña e Barbanza e continuarán o día 7 en Ferrol, Monforte, Pontevedra e Cee.

No marco das mobilizacións estanse realizando peches de 24 horas, asembleas permanentes, concentracións e todo tipo de accións reivindicativas para chamar a atención da cidadanía a respecto do desmantelamento da sanidade pública que están a levar a cabo dos gobernos do PP.

No caso da Coruña, dentro destas accións, representantes das organizacións sindicais realizaron unha pequena “performance” na que actuou como convidado de honra un boneco coa cara de Alberto Núñez Feijoo, que dende o alto dos balcóns dos edificio da xerencia ofreceu un discurso que foi seguido polo persoal sanitario entre berros en defensa da sanidade pública e referencias a “sobres” repletos de cartos.

Posteriormente, o persoal accedeu ao interior da Xerencia e concentrouse diante dos despachos do responsábel do complexo hospitalario. Ademais, a primeira hora da tarde, un grupo de traballadores/as fixo unha cadea humana entre as instalacións do Hospital da Coruña e o Hospital Materno Infantil.

Precarización da calidade asistencial e as condicións laborais

Dende a CIG-Saúde denunciouse o “brutal recorte salarial” que están a sufrir os traballadores/as dos servizos públicos, que no caso concreto do persoal sanitario podería ascender até un 8%, “nuns salarios que en moitas categorías andan arredor dos 800 euros”. “Pero isto vai moito alá dos recortes salariais”, advertía María Seijo, Secretaria Comarcal da CIG-Saúde da Coruña, “o que non imos poder recuperar nunca son as perdas en vidas humanas. Porque iso é o que está en xogo”.

Neste senso, a CIG-Saúde subliña que xa non se pode falar de “perda de calidade asistencial”, senón que os recortes de persoal e medios aplicados ao conxunto do sistema sanitario galego público teñen deixado a atención en condicións precarísimas. De feito, a Federación da CIG lembra que desde que tomou posesión o Partido Popular, no ano 2009, os orzamentos reducíronse en máis de 500 millóns de euros e por mor da imposición das taxa de reposición do 10% e o Sergas perdeu máis de 3.000 profesionais - incluíndo as prazas que non se cubriron pola paralización do Plan Mellora e pola paralización do Plan Galego de Saúde Mental-.

Mentres se desmantela a sanidade pública, a Xunta do PP mantén  os concertos coa sanidade privada e mesmo estabelece a través da Lei de Garantías, que cando un doente non sexa atendido nos prazos previstos segundo a súa patoloxía, poderá solicitar ser atendido na sanidade privada e posteriormente o SERGAS abonará a factura correspondente. Un principio que para a Secretaria Nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, “agocha a intención do PP de privatizar a sanidade porque estes cartos deberían ser investidos en dotar á sanidade pública dun cadro de persoal suficiente para garantir a prestación sanitaria nos prazos indicados no sistema público”.

“E van seguir pechando camas, pechando quirófanos, atrasando as operacións e pondo en perigo a saúde da cidadanía”, concluía pola súa banda María Seijo. Por iso, dende a CIG-Saúde instan a todos os galegos e galegas a que saían á rúa a defender un sistema sanitario público e de calidade fronte a uns gobernos que “agora mesmo non teñen ningunha autoridade ética para pedir sacrificios e esforzos, cando estiveron roubando durante anos”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical