IES "Félix Muriel" de RianxoRianxo, 5 de febreiro de 2013. A comarca da Barbanza e toda Galicia está estes días a mobilizarse e participar na Folga estudantil deste 6 de febreiro contra o modelo educativo do Partido Popular, en concreto contra a controvertida Lei de Wert ou LOMCE, que suporá de aprobarse un retroceso ao franquismo e un perigo para os avances da lingua galega dende que saímos do foxo da ditadura. Dende Galiza Nova animan á participación na manifestación de mañá día 6 en Rianxo, no instituto da localidade, dende donde partirán ás 12 do mediodía en camiñata ata diante do Concello, na praza Castelao. Alí rematarase coa lectura do manifesto aberto en defensa do ensino público galego. Baixo o lema “Non ao modelo educativo do PP. O ensino é un dereito e non un privilexio" a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, desenvolveu durante as pasadas 2 semanas na Barbanza unha intensa campaña para espallar a Folga Estudantil deste mércores 6 de febreiro. En palabras do Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera García, “con esta mobilización a mocidade galega responderá unha vez máis
aos recortes do PP no ensino galego así como á reforma educativa do goberno Rajoy”. Para Mera, “con esta reforma, xa chamada a Lei da Wertgoña, o PP pretende retornar ao modelo educativo do franquismo, acabando co carácter público, universal e gratuíto do ensino e reforzando o seu papel españolizador”. Aquí na Barbanza realizáronse repartos do material e xuntanzas informativas cos estudantes dos centros de Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo. Salienta Galiza Nova que “a campaña tivo unha extraordinaria acollida entre o estudantado e recabou o apoio de outros sectores da comunidade educativa, como o profesorado ou as nais e pais, afectados tamén por estas políticas de recortes. Desde Galiza Nova apoiaremos a Folga Estudantil do 6 de febreiro para amosar o noso rexeitamento maioritario a unhas políticas educativas que segundo palabras do Secretario Xeral da organización “constitúen un verdadeiro ataque ao ensino público galego e eliminan a igualdade de oportunidades pola elitización da educación". Así mesmo, desde as mocidades nacionalistas, anuncian que de non rectificarse estas medidas continuarán as mobilizacións para frear o ataque do PP ao ensino público.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario