25.1.13

Dodro: o Concello quítalle ferro ao problema do gas radón. "Non sucede nada que non viñera sucedendo dende sempre"

Media_httpfarm5static_efbws

Vista de Dodro dende o Pazo de Hermida

Dodro, 25 de xaneiro de 2013. Segundo explica hoxe en nota de prensa o goberno local do PP de Dodro, o pasado mércores día 23 de xaneiro, o alcalde, Valentin Alfonsín, mantivo unha reunión co especialista en epidemioloxía Juan Barros, un dos responsables do estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre o gas radón en Galicia.

"Como conclusión principal do encontro, cabe dicir que en principio non hai motivo algún que motive unha especial preocupación polos efectos do gas radón no Concello de Dodro, pois non sucede nada que non viñera sucedendo dende sempre (sic).  A exposición ao gas radón que resulta do estudo realizado, equivale á metade da dose que unha persoa normal non debería sobrepasar no período dun ano. Tamén debemos sinalar, que de acordo coa información aportada polo mencionado especialista, a metade da radiación que recibimos é de orixe absolutamente natural", sinala, o goberno local.

O goberno do Concello de Dodro, coa fin de facilitar a maior información posible ao respecto, dispuxo a inclusión na páxina principal da web do concello dun informe da USC de novembro de 2010 con medidas preventivas, e na sección alcaldía-actualidade dun enlace con acceso á información sobre o gas radón e sobre as posibles medidas a adoptar nos inmobles para evitar os efectos do mencionado gas, información toda esta elaborada polo departamento de Medicina Preventiva.

Detector e medidor dispoñible para os interesados

Ademais, para todas aquelas persoas interesadas, o mencionado departamento de Medicina da USC pon a disposición de quen o desexe, un sistema que permite determinar a presenza de gas radón e a elaboración dun informe das medicións resultantes.

Outro dos aspectos tratados na reunión cos especialistas de Medicina Preventiva foi referente aos posibles efectos sobre a saúde das antenas de telefonía móbil. Segundo os estudos realizados, non hai constancia de que a emisión de ondas de ditas antenas sexan perxudiciais para a saúde humana, contrariamente ao que moita xente cre.


Se desexa baixar a información que colgou o Concello de Dodro para previrse contra o gas radón no seu web, aquí

Antes, en Certo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical