- O da Pobra, primeiro peirao en Europa en recibir a distinción ambiental "EMAS"
- Portos de Galicia agarda resultados dunha auditoría que revelarán o grao de efectividade das medidas de conservación ambiental implantadas na franxa entre Ribadeo e Ares
A Pobra, 23 de febreiro de 2012. Portos de Galicia está a realizar os trámites necesarios para solicitar a certificación ambiental EMAS para os 22 peiraos da costa cantábrica coincidentes coa demarcación administrativa da Zona Norte do ente público. O organismo que preside José Juan Durán está a implantar un sistema de xestión sostible seguindo os parámetros desta distinción internacional co obxectivo de desenvolver unha actividade portuaria eficiente e respectuosa co entorno.
O proxecto parte da satisfactoria experiencia desenvolvida no porto da Pobra do Caramiñal, o primeiro en Europa en recibir esta distinción para o global da súa actividade. Co coñecemento adquirido nesta iniciativa, preténdese extender a proposta, de xeito gradual, ao resto do litoral galego, comezando polos portos da Zona Norte, en base a criterios técnicos.
Nos últimos meses, Portos de Galicia realizou xa a maior parte dos trámites preceptivos para a obtención da certificación. Comezouse coa avaliación ambiental da actividade portuaria que derivou na diagnose dos aspectos base a recoller no novo modelo de xestión. A partir deste coñecemento elaborouse a documentación necesaria para definir o sistema de xestión ambiental, plasmando as directrices a aplicar polo conxunto da comunidade portuaria para cumprir cos requisitos EMAS. Unha vez establecidas as bases da xestión procedeuse á implantación práctica das instruccións teóricas. Deste xeito impuxéronse medidas como o control do consumo de auga e electricidade, o axeitado tratamento dos residuos portuarios, con especial atención á distinción entre os perigosos e non perigosos, ou a instalación de dispositivos de eficiencia enerxética. Así mesmo, desenvolvéronse xornadas de sensibilización do persoal de Portos e membros relevantes da comunidade portuaria. Finalmente, elaborouse a información medioambiental que require a normativa europea que regula as certificacións EMAS.
Grafitti reivindicativo na Pobra
A día de hoxe, o ente público está á espera dos resultados dunha auditoria interna sobre o funcionamento das novas medidas implantadas. Este estudio revelará o grao de efectividade do sistema implantado e detectará os posibles erros a subsanar de cara á solicitude dunha verificación externa, por parte dalgún dos organismos de certificación acreditados. Unha vez obtida a verificación externa, a Consellería de Medio Ambiente é a encargada da verificación oficial da certificación de ámbito europeo.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario