23.4.12

Barbanza e Noia: a Federación Rural Galega alerta das fumigacións con flufenoxuron nestas bisbarras

Dscn2268


  • Estas prácticas, ademais de prohibidas por normativas europeas, supoñen un risco mediambiental enorme para amplas zonas do País.

 

Barbanza e Noia, 23 de abril de 2012. A Xunta de Galicia acaba de anunciar a utilización na presente primavera de fumigacións aéreas con flufenoxuron para facerlle fronte ao gurgullo do eucalipto. A afectación desta actuación acaba de ser posta de relevo polo anuncio tamén realizado polo concello de Melide no que se fala de fumigacións aéreas masivas e obrigatorias. Así mesmo a Federación Rural Galega (Fruga) di que acaba de presenciar un novo episodio nesta comarca, no concello de Porto do Son, de intentar de pór en marcha unha actuación de este tipo. Ante esta situación a Federación Rural Galega, FRUGA, quere manifestar o seguinte:

 

"Entendemos e compartimos a preocupación dos propietarios forestais ante as perdas que o gurgullo do eucalipto está a ocasionar nas plantacións forestais. Pero hai alternativas de control da praga sen recurrir ás fumigacións aereas.

As fumigacións con medios aéreos levan consigo unha serie de problemas asociados, ademais do seu alto custo, como son a deriva, que provoca que o praguicida chegue a centos de metros e incluso quilómetros do lugar de aplicación, o que pode producir a chegada do agrotóxico a espazos naturais, zonas de cultivo, coa conseguinte contaminación e acumulación en producións adicadas ao consumo humano. Así mesmo estoocasionará a perda da certificación ecolóxica das explotacións das proximidades por contaminación polo agrotóxico que non está permitido na regulación da produción ecolóxica.

Lembrar, así mesmo, que as fumigacións aéreas quedarán suprimidas nestes casos pola Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, pola que se establece o marco da actuación comunitaria para acadar un uso sustentábel dos praguicidas (publicada o 24 de novembro de 2009 no Diario Oficial da Unión europea L 309/71) que establece a súa prohibición cando a loita contra unha praga forestal poda substituírse por outros medios desde terra. Esta normativa debería ser trasposta polos países membros antes do 14 de decembro de 2011.

Respecto do praguicida utilizado, destacar a afectación para a fauna, con especial atención ao seu efecto sobre as abellas, pois o  flufenoxuron é tóxico para as abellas e o tratamento vai ser realizado na época de máxima actividade deste insecto, co que os danos poden ser de grande importancia. Debe terse en conta, así mesmo, que o flufenoxuron é unha substancia que se inclúe dentro da moratoria europea de compostos orgánicos persistentes e que moi probabelmente deixará de estar permitido o seu uso en aplicación da Directiva 91/414/CEE e o Real Decreto 255/2003 sobre agrotóxicos, polo que o principio de precaución debera impedir o seu uso de xeito xeneralizado. De feito, estaba prevista prohibir a súa utilización a partir deste ano 2012, pero ten unha moratoria dun ano máis, polo que parece que as empresas están moi interesadas en desfacerse dos stocks dun agrotóxico que vai ser prohibido, aínda que sexa a baixo prezo, pois cando remate a moratoria terían que levalo a un xestor autorizado e pagar por elo. Dende a FRUGA non queremos que o noso país e a nosa comarca sexa o último rincón de Europa onde se verta esta sustancia tan tóxica.

Así pois dende a FRUGA reclamamos á Xunta de Galicia que dea marcha atrás no seu propósito de fumigacións aéreas con flufenoxuron, e que continúe co programa de control biolóxico por medio do parasito natural e específico do gurgullo Anaphes nitens, que ademais de ser un control respectuoso co medio ambiente ten demostrada a súa utilidade no control da praga. (Mais información no documento adxunto).

Así mesmo facemos un chamamento aos propietarios forestais a que demande da Xunta o uso do control biolóxico da praga e non participen en prácticas que só benefician ás grandes compañias de agroquímicos e prexudican ao conxunto do espazo agrario".

 Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical