22.11.11

Rianxo: o compositor local Antón Alcalde recunca no Concurso Galego de Composición ao levar dous premios

  • En total gaña 5.000 euros, con "Camiños da Fin da Terra", na categoría de banda de concerto, e "Noite de Defuntos", tamén primeiro premio da terceira categoría do certame

Rianxo, 22 de novembro de 2011. Onte, luns 21 de novembro, o xurado do IV Concurso Galego de Composición, composto por Juan Durán Alonso, Carlos Seráns Olveira e Juan Manuel Eiras Tojo, e no que actuou coma secretario o director da Escola de Música de Rianxo, Rafael Collazo, decidiu no Auditorio de Galicia que as obras Na Galiza, Camiños da Fin da Terra e Noite de Defuntos foran as pezas gañadoras desta edición.

Na primeira categoría, sección sinfónica, o primeiro premio dotado con 4.000 € recaeu na obra Na Galiza, de Paulino Pereira Martínez. O xurado destacou del o “seu achegamento ó folclore galego cun tratamento sinfónico” destacando tamén “o importante traballo compositivo” que se aprecia na obra, segundo palabras de Juan Durán. O finalista desta categoría foi Víctor Enguídanos Royo coa súa obra O misterio do Castelo de Pambre que recibirá un premio dotado con 800€.

Na segunda categoría, banda de concerto, o primeiro premio de 2.500€ caeu nas mans de Antón Alcalde Rodríguez e a súa obra Camiños da Fin da Terra. O finalista desta categoría foi Santiago Quinto Serna con Espírito Galego que recibirá un premio de 500€.

Antón Alcalde Rodríguez repetiu posto na terceira categoría, obtendo o primeiro premio, dotado tamén con 2.500€, coa súa obra Noite de Defuntos. Juan Durán, un dos membros do xurado, destacou de Antón Alcalde a súa creatividade, afirmando que “xa non é unha nova promesa senón un referente”. A obra finalista desta categoría foi A Batalla de Elviña, de Manuel Alejandro López Martínez, que recibirá un premio de 500 €.

O xurado destacou a boa calidade de todas as obras presentadas ó IV Concurso Galego de Composición para Banda de Música, salientando que “están a un nivel bo de calidade para poder competir a nivel estatal noutros certames de composición”.

Pode que tamén lle interese:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical