22.11.11

Rianxo: arranxada a cuberta da lonxa e rematada a reforma do espigón do peirao antigo

Adolfo_muos_portos_galicia


Rianxo, 22 de novembro de 2011.- Portos de Galicia vén de rematar a obra de reparación urxente da cuberta da lonxa de Rianxo, así como a reforma do espigón do peirao antigo. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, nunha visita á zona para comprobar os traballos executados polo seu departamento. O organismo portuario investiu máis de 40.000 euros en ambas actuacións.

A reparación da cuberta da lonxa iniciouse o 24 de outubro, como resposta inmediata aos danos producidos polo temporal de choiva e vento desa fin de semana. Os traballos executáronse por vía de urxencia para repoñer a seguridade no edificio e minimizar os riscos para os usuarios do porto.

Portos de Galicia retirou os restos das placas de material metálico que voaron da estrutura da cuberta da lonxa e repuxo as pezas, dunhas dimensións aproximadas de 2,5 metros por 80 centímetros. Tamén se reparou un báculo de iluminación con tres luminarias, que fora levantado naquel trebón. Ambas actuacións requeriron un investimento de 20.000 euros.

Finalmente, Portos de Galicia reparou tamén o espigón do peirao antigo do porto de Rianxo, deteriorado polo paso do tempo e os sucesivos temporais. Esta infraestrutura abriga o peirao antigo, especialmente a zona de mexilloeiros do temporal do oeste e do oeste-norte, os peores neste porto. Reparáronse tamén os pasos de escaleiras, nunha actuación global que supuxo un investimento de 21.984 euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical