20.12.11

Ribeira: o Concello paga o xantar de Nadal a uns 150 pobres este domingo

    Será no restaurante La Cascada do Camping Ría de Arosa 2 este domingo 25

     

Ribeira, 20 de decembro de 2011- Entre 140 e 150 veciños e veciñas sen recursos deste municipio terán a oportunidade de poder compartir a tradicional comida de Nadal do 25 de decembro. Así o explicou hoxe o concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Social, Vicente Mariño de Bricio, que indicou que esta acción está dirixida a aquelas persoas en extrema soidade, que se atopan en risco de exclusión social ou nunha posición de precariedade económica. 

Á Mariño de Bricio acompañábao María Francisca Vidal, xefa de servizo do Departamento de Servizos Sociais, e Anxo Rodríguez, xerente do restaurante La Cascada do Camping Ría de Arosa 2, que é a entidade que tivo a iniciativa de realizar esta comida que recibiu a colaboración o Concello (a través de Servizos Sociais e Drogodependencias), Cáritas, Cruz Bermella, Eloraj e Frinsa. 

Vicente Mariño agradeceu a La Cascada que tivese a idea de organizar este evento dados os tempos de crise que se están dar e manifestou que dende a Concello se está a colaborar en distintos apartados, como a confección do menú ou a axuda de membros de Protección Civil. Informou de que todos aqueles que se encontren nalgunha das condicións descritas anteriormente e que queiran tomar parte na comida de Nadal poden obter os correspondentes tiquets nas dependencias de Servizos Sociais, situadas na praza 8 de marzo. Haberá servizo de autobús que partirá da estación de Santa Uxía. 

Ademais do menú  (formado por entremeses, langostinos, carne asada, doces e bebidas varias, a ambientado coas tradicionais panxoliñas) os comensais recibirán un lote de conservas por cortesía da empresa Frinsa. Por outra parte, no caso de que non se empregase toda a comida dispoñible durante o xantar, a parte excedente será repartida tamén entre os usuarios. Os nenos e nenas tamén recibirán xoguetes. 

Anxo Rodríguez explicou que a iniciativa xurdiu polas difíciles circunstancias socioeconómicas que se están a dar na comarca e no municipio e agradeceu ao Concello o ben que se recibiu a idea. 

Pola súa parte, María Francisca Vidal afirmou que dende os Servizos Sociais se está  a dar a máxima difusión posible á iniciativa para que ninguén que o necesite se quede sen a posibilidade de asistir a esta comida.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical