4.4.12

Rianxo: o instituto "Félix Muriel" está a facer unha primavera de promoción do galego

  • Contacontos e obradoiros de rap, break-dance e graffiti entre o alumnado para celebrar a nova estación
  • Ao remate das vacacións de Semana Santa haberá charlas con Barreiro Rivas e profesoras que falarán de fraudes fiscais famosos ou motores de hidróxeno 

 

Rianxo, 4 de abril de 2012. Comezou a primavera á vez que se pechaba o segundo trimestre e o Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) do IES "Félix Muriel" quixo celebralo con algunhas actividades que organizou en colaboración con outros departamentos do centro.

 

O mércores 27 de marzo o alumnado de 4º ESO e mais o alumnado da materia de portugués dos diferentes cursos asistiron a unha sesión de contacontos do portugués Carlos Marques organizado en colaboración co departamento de Lingua Galega, ao que pertence o profesorado da materia de Lingua Portuguesa do centro. Aproveitando a xira que o actor fixo por Galicia (en diferentes Escolas oficiais de idiomas e mais no IES de Valga) pedíuselle que se achegase ao centro para servirlle de práctica ao alumnado de portugués e mais mostrarlle ao resto dos discentes como é posible comprender con relativa facilidade a lingua irmá e veciña.

 

Aid en acción, para un spot da TVG


O xoves 28 o alumnado de 3º ESO dividiuse segundo os seus gustos entre tres obradoiros e unha charla. O primeiro dos obradoiros que programou o EDLG foi o de rap coa moza viguesa Aid que rapea en galego e que lles ensinou a facer rimas ao alumnado. Os outros dous, que se desenvolveron de forma simultánea, foron os de graffiti e break-dance. Todos eles organizáronse en colaboración cos tres departamentos implicados: música, plástica e educación física.  As case dúas horas que duraron os obradoiros foron moi produtivas xa que, despois dunha breve explicación teórica, os mozos e mozas que participaban nos diferentes obradoiros puideron facer as súas prácticas: rimas, bailes e pintadas nos muros do centro.

 

O alumnado que non estaba interesado en ningún dos obradoiros acudiu a unha charla do xornalista que traballa na TVG Luis Menéndez, que lles falou das series Terras de Acolá (baseada nos países da lusofonía) e Terras de Merlín (centrada nos países celtas). Ademais de presentarlles uns vídeos co resumo das series, explicoulles detalles de como se gravaron e curiosidades dos diferentes países. Os rapaces e rapazas tamén tiveron oportunidade de facer preguntas sobre diferentes cuestións de interese e á volta das vacacións han poder ver a exposición sobre Terras de Acolá que queda no centro durante tres semanas.

 

Á volta de Semana Santa,o politólogo Barreiro Rivas

 

Despois da Semana Santa continúa a primavera de promoción do galego  con diferentes actividades que van desde un ciclo de charlas que se desenvolverán durante os meses de abril e maio ata a gravación de diferentes vídeos. Dentro do ciclo de charlas  “O galego vale para todos os ámbitos” acudirán ao centro: o politólogo Barreiro Rivas coa charla “A democracia como cultura: o reto político das novas xeracións”, a profesora de dereito Begoña Villaverde para falar de fraudes fiscais famosos; a profesora da Universidade da Coruña, Socorro Castro, quen presentará os motores de hidróxeno ou un representante da empresa Imaxín que explicará como funciona unha empresa empregando o galego con normalidade no seu día a día.

Ademais das competencias pasivas que desenvolverán coas charlas, tamén desenvolverán outras competencias activas a través da participación no proxecto do EDLG, Rianxo 2112, galardoado cun dos cinco premios de innovación da Consellería de Educación. Desde principios de curso xa están a gravar vídeos e a elaborar presentacións sobre diferentes aspectos do concello: patrimonio, actividades empresariais, aspectos culturais, etc.


Tamén en Rianxo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical