- Xa se poden ir anotando
A Pobra, 4 de abril de 2012. Como cada ano, o día 4 de maio de 2012 terá lugar a “ XIII Xuntanza dos nosos maiores “, como de xeito politicamente correcto se coñece á comida dos vellos. Preto dunhas 1000 persoas, moitos habituais entre elas, achegaranse ao polideportivo municipal de Venecia, onde se celebrará o Xantar de Confraternidade, que será servido polo restaurante Chicolino e pagado polos impostos de todos os pobrenses.
A homenaxe especial deste ano vai dedicada á asociación Ámbar (Asociación de minusválidos da Barbanza) polo seu trinta aniversario. Os actos comezarán as 12:30 h cunha misa na igrexa parroquial de Santa Maria A Antiga do Caramiñal cantada polo coro Lauda Sión -vellas e vellos ateo/as, se houbera ou houbese, coidamos que se poden saltar este paso, aínda que non queda claro na nota de prensa-. Ás 14:30h comenzará o xantar de Confraternidade no pavillón Venecia. Ao remate haberá baile amenizado pola orquestra Odisea.
As persoas que desexan anotarse deberán pasar polas oficinas do concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas, onde se lle dará máis información. Agradece o concello, como vén sendo habitual, a todas as empresas que colaboran para que esta xuntanza sexa unha realidade ano tras ano.
Autoridades
Agardan pola Conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato e o director do Consorcio Galego, Roberto Rodríguez.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario