21.10.10

Turismo: Arousa Norte asina un convenio o vindeiro luns 25 coa USC para realizar campus vivenciais idiomáticos

Dúas experiencias piloto traerán arredor de 16 turistas dun grupo de árabes, xaponeses e norteamericanos

Arousa Norte busca atraer turistas doutros países con estes campus

Boiro, 21 de outubro de 2010. A Mancomunidade Arousa Norte asinará o vindeiro luns 25 de outubro coa entidade "Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela" un convenio de colaboración para realizar campus vivenciais idiomáticos en Barbanza (Arousa Norte, que inclúe Boiro, Rianxo, Ribeira e A Pobra do Caramiñal).

Segundo explican dende a Mancomunidade, "continúa o obxectivo de creación de produtos turísticos innovadores que atraian a visita de grupos de turistas á comarca. Por iso presentamos o "Campus Vivencial Idiomático", destinado a estudantes de español que pretenden mellorar as súas habilidades comunicativas nun idioma estranxeiro ademais de coñecer os hábitos e costumes da cultura autóctona".


Este campus segue a metodoloxía do “outdoor training” (entrenamento no exterior), reproducindo situacións reais, por medio de simulacións e actividades ao aire libre, buscando así a aprendizaxe a través da experiencia directa. Este produto turístico integra elementos de formación coa práctica de actividades de animación e ocio activo, formando deste xeito un paquete multiservizo que dinamiza os sectores de aloxamento, restauración e ocio, aseguran.

O horario destes campus será, os xoves, de 10:30 a 23:00, e os venres, de 10:30 a 14:30. O xoves e venres 28 e 29 de outubro chegarán os árabes, e para o xoves 4 e venres 5 de novembro agárdase aos norteamericanos e xaponeses.

Os estranxeiros realizarán unha visita teatralizada ao museo de Valle-Inclán

Entre as actividades que realizarán haberá un obradoiro gastronómico, percorrer a ruta do mexillón, facer unha visita teatralizada e unha xinkana literaria con contacontos. Participan nestes campus como acolledores, a vivenda vacacional Os Ballotes 1, a Terraza de Chicolino, o Museo Valle-Inclán e Xarelo Actividades.

A Mancomunidade "está decidida a potenciar esta iniciativa e asinaremos o próximo luns 25 de outubro  un convenio con Cursos Internacionais da USC para financiar as actividades de dúas experiencias piloto. Participarán arredor de 16 turistas dun grupo de árabes, xaponeses e norteamericanos.

Mediante este convenio, Cursos Internacionais comprométese a facer promoción e divulgación deste produto turístico entre os seus alumnos, ademais de financiar o custe dos próximos campus vivenciais idiomáticos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical