21.10.10

Noia: comezan as expropiacións para construir o novo vial que conecta o corredor Brión-Noia coa estrada AC-543


Noia, 21 de outubro de 2010.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se da inicio ao proceso expropiatorio dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do novo vial de conexión do Corredor Brión-Noia coa estrada que une a cidade de Santiago de Compostela con Noia (AC-543) na altura do núcleo de Sampaio. Neste trámite, o Goberno galego fará unha inversión de máis de 140.000 euros. O vial beneficiará a unha poboación de máis de 25.000 habitantes dos concellos de Noia e Porto do Son, e para levalo a cabo será necesario afectar a 177 fincas.

Este vial suporá a culminación das obras da Vía de Alta Capacidade (VAC) Brión-Noia, xa que o proxecto propón a construción dunha vía que arranca na glorieta Este, pertencente ao enlace de Sampaio e, dende dito punto e ao longo de 500 metros, descende ata a AC-543, onde se deseña unha glorieta circular.

Características técnicas

O tronco desta conexión terá tres carrís de 3,5 metros cada un, dúas beiravías de 1,5 m. e dúas bermas de 0,75 metros cada unha. Pola súa banda a sección da glorieta componse de dous carrís de 4 metros cada un; dúas beiravías, unha interior e outra exterior, ambas dun metro; e dúas bermas de 0,75 m. A velocidade de proxecto é de 60 km/h e a rampla máxima do 7 %.

Para levar a cabo estas obras, que teñen un presuposto de máis de 1,8 millóns de euros e que comezarán no primeiro semestre de 2011 e se rematarán no 2012, necesitarase facer unha escavación e desmonte de 87.504 metros cúbicos e un terraplén ou pedraplén de máis de 33.600 m3; empregaranse case 5.000 m3 de formigón e máis de 101.600 quilos de aceiro. Así mesmo, realizarase a ordenación ecolóxica estética e paisaxística da zona; o drenaxe lonxitudinal e transversal; e a sinalización e balizamento.

A urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados na execución desta infraestrutura, xustifícase pola súa incidencia na seguridade vial, co fin de evitar riscos innecesarios para os veciños de Sampaio ao articular e conectar o Corredor brión Noia coa estrada AC-543. Con esta obra, lograrase desconxestionar este núcleo de poboación dun tráfico pesado e abundante de vehículos e tamén se conseguirá reducir os tempos de percorrido.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical