
Construcións abandonadas no parque natural Ribeira, 31 de agosto de 2010. A asociación ecoloxista Adega emitiu onte un comunicado no que critica duramente ao actual conselleiro de Medio Ambiente, Samuel Juárez, polas súas declaracións e intencións sobre o parque natural de Corrubedo. Como é habitual en Certo, transcribimos de xeito íntegro o dito por Adega: "As recentes declaracións do conseleiro de Medio Rural na súa visita ao Parque Natural de Corrubedo son algo máis que preocupantes: primeiro pola súa intención (aínda intención?!) de redactar un novo PORN (Plan de Ordenación de Recursos Naturais) consonte á Lei 42/2007 de Protección do Patrimonio Natural e a Biodiversidade; pero sobre todo pola súa pretensión de “adaptar” a normativa do parque á recente Lei do Solo 2/2010 coa intención de “satisfacer a importante demanda veciñal relacionada con cuestións construtivas na contorna do Parque”, para o que propón a redacción dun “plan especial urbanístico que defina en detalle o réxime de usos e que evite así o actual, lento e complicado trámite administrativo individualizado que debe seguir cada proposta urbanística”. Pois nada: no Ano Internacional da Biodiversidade, Juárez e García-Borregón receitan máis cemento e ladrillo para Corrubedo. Non cabe dúbida de que o PORN de Corrubedo necesita dunha posta ao día para adaptalo á evolución que a normativa ambiental e de conservación ten experimentado dende 1992 (Directiva 92/43/CEE, Lei 9/2001 de Conservación da Natureza de Galiza, ou Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade), pero sobre todo para incorporar os novos coñecementos, máis detallados e rigorosos, sobre a súa biodiversidade, establecendo por exemplo, un corredor coa parte norte do LIC o que sen dúbida levaría ampliación do parque. O que resulta sorprendente, eticamente escandaloso e legalmente inaceptábel é que todo un conselleiro de Conservación (as competencias están agora en Medio Rural) poida chegar a propoñer que o PORN dun espazo protexido teña que adaptarse ás disposicións do planexamento urbanístico. Para que entón unha declaración de parque natural se as súas directrices e obxectivos de conservación van quedar supeditadas aos intereses do cemento e do ladrillo? E isto é tanto máis sorprendente porque falamos dun parque natural cun medio físico extremadamente sensíbel e unha biodiversidade de hábitats e especies realmente únicos, en tan só 996 ha, das que boa parte son domino Público Marítimo Terrestre e 982 ha Humidal Protexido. Unha proposta tan delirante é evidente que só pode vir de quen considera que a conservación da biodiversidade só obedece a razóns de estética política, para lucir no DOG e sen nada a ver coa supervivencia da vida e de nós mesmos sobre o planeta; ou de quen ademais, dende a súa prepotencia, non ten escrúpulos en descoñecer e “amañar” a legalidade vixente até onde faga falla para beneficio de amigos e especuladores do cemento e o ladrillo. A respeito da necesidade de conservar a biodiversidade, cómpre recordarlle aos Sres. Juárez e García-Borregón, precisamente neste Ano Internacional da Biodiversidade, o que di o mesmo preámbulo do Convenio Internacional sobre biodiversidade (Rio de Janeiro, Xuño 1992): “a conservación e a utilización sustentábel da diversidade biolóxica tén unha importancia crítica para satisfacer as necesidades alimentarias, de saúde e doutra natureza da poboación mundial en crecemento”. De ningunha maneira, pois, pode ser tratada a biodiversidade coma un capricho estético para consumo de ecoloxistas. E a respeito da prevalencia da conservación sobre o planexamento urbanístico, un Conselleiro con competencias en Conservación da Natureza debera saber que non son os Planos de Ordenación de Recursos Naturais (PORN) dos espazos protexidos os que teñen que someterse ao planeamento urbanístico, senón todo o contrario. Así o dispón a Directiva Hábitats da Unión Europea e así o teñen incorporado á legalidade estatal e autonómica, tanto a Lei 9/2001, de Conservación da Natureza de Galiza, como a Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade:
“Os Planos de Ordenación dos Recursos Naturais a que se refire esta Lei prevalecerán sobre calquer outro instrumento de ordenación territorial ou física, constituíndo as súas disposicións un límite para este e as súas determinacións non poderán alterar ou modificar aquelas e aplicaranse, en todo caso, prevalecendo sobre os instrumentos de ordenación preexistentes”. (Lei 9/2001. Artigo 6.3)

Información da Xunta da visita de Samuel Juárez o 26 de agosto:
Medio Rural traballa nun novo Plan de Ordenación dos Recursos de Corrubedo para actualizar este documento ás novas esixencias normativas derivadas das leis do Solo e de Patrimonio Natural
Ribeira, 26 de agosto de 2010.- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, visitou en Ribeira o Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, acompañado polo director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo; o xefe provincial da Consellería nesta provincia, Enrique Luis de Salvador; e o alcalde da localidade, José Luis Torres. No decurso da súa visita, Juárez anunciou a intención do seu departamento de redactar un novo Plan de Ordenación de Recursos Naturais, posto que o vixente, que data do ano 1992, ten unha difícil adaptación ao novo marco normativo derivado da Lei do Patrominio Natural (42/2007) e, sobre todo, da recente Lei do Solo (2/2010). Igualmente, o novo documento en redacción achegaría unha adaptación ás esixencias derivadas do novo marco normativo que regula a Rede Natura. Asemade, e coa intención de satisfacer a importante demanda veciñal relacionada con cuestións construtivas na contorna do Parque, Juárez propuxo ao alcalde a redacción dun plan especial urbanístico que defina en detalle o réxime de usos, e que evite así o actual, lento e complicado trámite administrativo individualizado que debe seguir cada proposta urbanística da veciñanza. Arestora, cada proxecto orixina cadanseu informe vinculante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, o que retarda moito o trámite administrativo.
Convenio para o Vilar, única praia galega dentro dun parque natural
Aproveitando a visita ao Parque Natural, o conselleiro do Medio Rural e o alcalde de Ribeira asinaron un convenio de colaboración en materia de tarefas de vixilancia para a praia do Vilar. O importe aportado por Medio Rural é de 30.470 euros. A praia do Vilar, única praia de toda Galicia situada dentro dun Parque Natural, caracterízase pola presenza de fortes correntes e por un elevado número de usuarios, estas dúas características demandan a necesidade de por en marcha un plan de protección especial, polo que se establece este marco de colaboración entre a Consellería e o Concello. O Concello de Ribeira, a través da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribeira, realizará tarefas de vixilancia, controlando a afluencia de visitantes, percorrendo as zonas da praia e dunas nos horarios de máxima afluencia, informando de actividades alternativas e recollendo as suxerencias dos visitantes; entre outros labores. Medio Rural colaborará no mantemento dos valores ambientais en todo o Parque e manterá informado ao Concello das mellores prácticas de limpeza, así como de calquer outra actividade acontecida dentro do espazo protexido.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario