30.8.10

Política: os socialistas reclaman a Feijóo que varra seis millóns de euros das Fundacións Comarcais para educación e sanidade

O PSdeG empraza ao presidente da Xunta a que deixe de ser "un home anuncio", cumpra a súa promesa de reducir a administración paralela ou "chiringuitos" e invista os seis millóns de euros que costan as Fundacións Comarcais en educación e sanidade, onde se están a facer recortes

As Fundacións Comarcais seguen funcionando, pese a que hai meses que se anunciou a súa disolución

Noia, 30 de agosto de 10. O viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia e portavoz da Área Institucional, José Manuel Lage, reclamou hoxe a Feijóo que no prazo de dous meses elimine as fundacións comarcais para aforrar máis de 6 millóns de euros. Dixo que Feijóo e o conselleiro Rueda incumpren sistematicamente os seus anuncios de reducir a administración paralela, converténdose nun “home anuncio que renuncia a gobernar”.

O responsable socialista presentou hoxe unha Proposición non de Lei na que insta ao presidente da Xunta a cumprir cos seus compromisos e “racionalizar a administración pública e facela máis eficiente”. Lamenta que Feijóo fai “moitos anuncios e poucas decisións”, logo de que “non teña tomado decisións de alcance que supuxeran a desaparición dos organismos e sociedades creados polo PP entre 1990 e 2005”, en contra do que dixo en 2009 e 2010.

Lamentou que en lugar de apostar polo aforro en administración paralela, o presidente da Xunta reduce 1.000 mestres de educación pública ou o orzamento para sanidade pública. Criticou que Feijóo “fai unha renuncia evidente a exercer o autogoberno e administrar os 11.000 millóns de orzamento da Xunta” xa que “ten constituída na Xunta de Galicia un comité electoral que só ten por obxectivo tentar desgastar ao goberno de España”.

Dixo neste sentido que un ano e medio despois da súa toma de posesión, e logo de ter anunciado a desaparición da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e as 34 fundacións comarcais que dependen dela, este ente segue “plenamente vixente”. Dixo que os seus 8 directivos recibindo tarefas da Xunta e sen intención ningunha de proceder á súa disolución, tal e como demostrou coa presentación de documentación sobre contratos deste verán.

Explicou que, para cumprir coa súa promesa, Feijóo só tiña que desenvolver a Lei 12/2008 que modifica a Lei de Desenvolvemento Comarcal e que xa contemplaba a desvinculación da Xunta de Galicia das fundacións comarcais.

A Proposición non de Lei presentada hoxe polos socialistas galegos contempla a disolución da totalidade das fundacións para o desenvolvemento comarcal en dous meses, así como “a disolución do resto de organismos e entidades” de acordo co compromiso acordado polo Consello da Xunta de 24 de abril de 2010. Tamén reclama a integración no Igape do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia –BIC Galicia-, disolvendo o mesmo.

Propón tamén unificar as sociedade Sodiga Galicia, S.C.R., S.A., e Xes Galicia S.G.E.C.R., S.A., incluíndo na mesma ao Inversións Estratéxicas de Galicia, S.A. –Inesga-, e fusionar os catro xestures nunha única Xestur – Galicia.

Cambio de Goberno

O viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia instou ao presidente da Xunta a modificar o seu goberno “porque é o peor goberno da historia da autonomía de Galicia” e pídelle que o faga “antes de que sexa o poder xudicial o que lle indique os cambios que ten que facer”.

Lage recordou que “hai decisións xudiciais que poden condicionar a composición do goberno por iso sería mellor que Feijóo tomara decisións de xeito inmediato porque hai unha ausencia clamorosa de determinados conselleiros na tarefa diaria de goberno”.

Dixo que a Xunta atoparase en setembro con conselleiros elaborando o orzamento para 2011 en situación de interinidade, sen saber si van continuar no seu cargo, e criticou que “o Executivo autonómico renuncia a gobernar Galicia e ten a máis da metade dos seus membros desaparecidos e o resto son descoñecidos para a cidadanía”.

Lamentou os “casos clamorosos de conselleiros invisibles” e chamou a Feijóo a “preocuparse máis do estado do seu goberno e menos de pedir eleccións anticipadas”. En opinión de Lage, o presidente da Xunta “aspira a pasar a Lexislatura falando dos demais e facendo escapismo cando se trata de dar contas da súa xestión” mentres “é evidente que o seu goberno non está á altura do país”.

Criticou tamén o “comportamento preocupante” do presidente da Xunta durante a vaga de lumes, xa que “cando o que se espera é responsabilidade e prudencia, non se pode ser tan frívolo como para cualificar de óptimo o balance da campaña de incendios cando morren dúas persoas, o que da a medida do presidente que temos”.


Download now or preview on posterous
46888-asinado.pdf (218 KB)

Download now or preview on posterous
pliegos sodeco.PDF (112 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical