2.12.10

Noia: un alumno do instituto "Virxe do Mar" acadou o segundo premio na categoría de poesía do XV premio literario "Ánxel Casal" de Santiago

Noia, 2 de decembro de 2010. Onte deuse a coñecer o fallo do XV premio literario Ánxel Casal, convocado polo Concello de Santiago. O noiés José Ismael Ramos Castelo, de 16 anos e alumno do IES Virxe do Mar gañou o segundo premio na categoría de poesía polo seu traballo Capricho. Poesía existencial demasiado azucrada. Por este segundo premio levará 700 euros (o primeiro leva 1.000).

A concelleira de Educación de Compostela, Mercedes Rosón, deu a coñecer o nome dos gañadores do XV Premio Literario Ánxel Casal. Afonso Francisco Traficante Fernández, Brais Lamela Gómez e Lara Porto Mato foron os gañadores, respectivamente, nas modalidades de poesía, conto e teatro. En total, presentáronse 56 traballos. Afonso Francisco Traficante Fernández, alumno do IES Nº 1 de Ordes (A Coruña), con tan só 14 anos, foi o gañador do premio de poesía por Nós corredizos, unha obra que a escritora Dores Tembrás Campos, integrante do xurado, considerou "extraordinaria e dunha brillantez e madurez poética pouco habitual". Recordou Marcos Sánchez Calveiro, tamén escritor e membro do xurado, que se trataba do poemario máis amplo a concurso e que se presentou como "obra conceptual pechada".

Foi tanta a calidade dos traballos presentados na categoría de poesía –indicou a concelleira- que o xurado considerou oportuno facer tamén unha mención a Jesús Castro Yáñez, de 18 anos, do IES Pedregal de Irimia (Lugo), que concursou coa obra Paxarotempos.

Tamén estivo na rolda de prensa o director xeral de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, quen tamén se declarou "abraiado" pola calidade dos traballos presentados ao Concurso. A esta editorial encargarase de publicar un libro no que se recollerán os traballos premiados. A entrega dos galardóns aos premiados celebrarase o 16 de decembro, ás 12:00 horas, nun acto no Salón Vermello de Raxoi. Este acto, dixo Sánchez Calveiro, "recordarase dentro duns anos como o primeiro premio que recolleron estes escritores", porque prognosticou que "algún vai ser un escritor importante das nosas letras".

Traxetoria do Ánxel Casal

O premio literario Ánxel Casal foi creado no ano 1996 con motivo da celebración do 150 aniversario da fundación do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I. Cada edición organízase en colaboración cun centro educativo. Neste ano 2010 foi o IES de Sar o que formou parte do xurado en calidade de coorganizador do certame, dirixido a alumnos a partir dos 14 anos e con 5.100 euros destinados en premios.

O nome do galardón é un recoñecemento ao insigne galeguista Ánxel Casal, que fora alcalde da cidade de Santiago de Compostela, ademais de fundador das Irmandades da Fala, pedagogo, coeditor da Colección Lar, impresor de A Nosa Terra, da revista Nós e editor de tantas outras publicacións en galego.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical