Santiago, 13 de xaneiro de 2012. Ao longo do mes de xaneiro van ter lugar en Galicia nada menos que seis campionatos de caza do raposo, nos que van caer grande número destes animais. Os campionatos, segundo denuncia Equanimal, asociación defensora dos dereitos dos animais, "lévanse a cabo coa total permisividade, cando non co apoio, da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia". Por este motivo protestaron hoxe varios integrantes de Equanimal fronte á sede central da Xunta de Galicia, en San Caetano, e tamén aproveitaron para entregar unha carta dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, no que o apremian a non apoiar a caza nin manter unha posición contraria aos dereitos dos animais e non permitir que se aprobe o anteproxecto da nova Lei de Caza na que se permitirá que nenos de 14 anos participen en cacerías. Equanimal considera que a ética "debe avanzar e nunca retroceder, e que unha práctica como a caza consiste en provocar sofremento a un animal ata acabar coa súa vida, e por iso debe ser prohibida e nunca promovida xa que perpetúa valores carentes de respecto aos animais". Equanimal anunciou que esta é a primeira dunha serie de protestas e accións reivindicativas que farán ao longo deste mes.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario