17.2.11

Ribeira: presentan o boceto dun proxecto para unha área de servizo en Oleiros

Nunha leira de 2.500 metros cadrados, mercada á Igrexa por 375.000 euros, xuntaranse pista polideportiva, parque infantil, zona de aparcamento e edificio multiusos


Ribeira, 17 de febreiro de 2011.- Unha finca de 2.500 metros cadrados que pertencía á Reitoral de Oleiros, e que foi adquirida recentemente polo Concello, albergará unha Área de Servizo co fin de ser posta a disposición dos veciños da parroquia para as súas actividades de carácter social, cultural, festivo, recreativo e deportivas. Así o explicou hoxe o alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado da concelleira Herminia Pouso Maneiro.

O alcalde explicou que a compra dos terreos no que se encravará esta Área respondeu á inquietude dos propios veciños de Oleiros, que demandaban un espazo así. José Luis Torres declarou que o acordo coa Igrexa “tardou o seu tempo” pois houbo que facer unha segregación da finca e xestionar o permiso de Patrimonio. Por fin, a compravenda púidose escriturar ante notario o 28 de outubro de 2010, cun importe de 375.000 euros.

O rexedor riveirense mostrou ante os medios de comunicación un boceto da Área de Servizo e informou de que en breve se comezará coa redacción do proxecto. Esta Área disporá dunha pista polideportiva descuberta regulamentaria que poderá ser empregada tamén para dar cabida ás festas da parroquia, un parque infantil, unha zona de aparcamentos dotada de árbores ornamentais e un edificio singular que estará dotado dos seguintes espazos: unha aula de informática, un auditorio/sala de xuntas con capacidade para 60 persoas, unha cafetería, e vestiarios, duchas e aseos pensados especialmente para dar servizo aos usuarios da pista deportiva.

Campo de fútbol de Oleiros, do Concello

Por outra parte, José  Luis Torres aproveitou o acto para informar de que o Concello chegou a un acordo co Club de Fútbol de Oleiros para incorporar á propiedade municipal o seu campo de fútbol, de tal xeito que a partir de agora será a propia Administración Local quen xestione este espazo, outorgándolle preferencia de uso ao citado club deportivo.

Tamén adiantou que se está en negociacións para adquirir un terreo de 16.000 metros cadrados situado a carón do campo de fútbol de Oleiros co obxectivo de que sirva no futuro como unha gran área deportiva.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical