26.7.12

Deportes: vanlle dar a María Vilas e Ana Peleteiro a medalla de Ribeira tralos seus éxitos deportivos

  •  O acordo vaise ratificar no pleno do luns vindeiro cos votos a favor de todos os grupos
  • Ata agora, tan só os irmáns Fran e José Ramón (fútbol) tiñan esta distinción

María Vilas recibiu un premio na Gala dos Deportes de 2010 de Ribeira

 

Ribeira, 26 de xullo de 2012.- Os grupos que integran a Corporación Municipal decidiron propoñer ás deportistas locais Ana Peleteiro e María Vilas para recibir a Medalla de Ouro de Ribeira: unha condecoración que segundo consta no regulamento de honores e distincións do Concello se outorga a aquelas persoas ou entidades que teñan desenvolvido obras en favor da cidade que, por destacar notoriamente, as fan acredoras do seu recoñecemento.

 

Á hora de valorar a concesión desta medallas a estas dúas campioas, tense en conta o feito de que están a portar o nome de Ribeira por todo o mundo no marco dunha traxectoria deportiva excepcional, que constitúe ademais un exemplo a seguir para a xuventude do municipio.


María Vilas e Ana Peleteiro flanquean ao alcalde Rivas. Foto de hai un ano

 

Hai que recordar que Ana Peleteiroribeirense nacida en 1995- vén de proclamarse campioa do mundo junior de triple salto cun rexistro de 14,17 metros: mellor marca mundial do ano e récord nacional en categorías junior, xuvenil e sub 23.

 

Non menos significativa é a carreira de María Vilas, nacida en 1996, quen nos últimos Campionatos Europeos Júnior de Natación se alzou cunha medalla de ouro, outra de prata e dous bronces e onte mesmo venceu no Campionato de España Absoluto nos 800 metros.

 

Ambas galardoadas xa foran recibidas oficialmente hai un ano polo alcalde Manuel Ruiz co gallo doutros méritos logrados no curso pasado.

 

Está prevista a ratificación deste acordo na sesión plenaria da Corporación programada para o vindeiro luns, día 30 de xullo.

 

Ata o de agora, outras dúas persoas recibiran a Medalla de Ribeira: sucedeu hai unha década e os distinguidos foron os irmáns José Ramón e Fran González Pérez, xogadores do Deportivo de A Coruña nunha época en que este club conqueriu os primeiros títulos oficiais do fútbol galego.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical