1.3.11

Rianxo: Taragoña celebra o Entroido cunha parodia de Eurovisión este venres 4 de marzo

Organiza a activa asociación cultural AntrosPinos e xa hai anotados 15 grupos

Parece que do que se trata é de "esnaquizar" a clásicos tan grandes como Demis

Rianxo, 1 de marzo de 2011.O Entroido chega dando o cante a Taragoña!! O Centro Cultural converterase por un día, este venres 4 de marzo, na sede do Festival de Eurovisión, onde numerosos artistas de toda índole se darán cita para deleitar ao público asistente coas súas frescas e dinámicas actuacións: desde Demis Roussos ata a mesmísima Shakira, pasando por Beyoncé Knowles ou a recén falecida Ana Kiro, estarán dando o cante nunha festa que disque pasará á historia, segundo os seus organizadores, sempre tan optimistas. Razón para este optimismo non lles falta: xa están anotados máis de 15 grupos que subirán enriba do escenario para interpretar aos seus artistas favoritos, mesmo con coreografías ensaiadas.

Segunda edición, tralo éxito da primeira


Despois do éxito acadado na pasada edición do Entroido da FAP coa temática dos Superheroes, este ano decidiuse repetir a idea de festa temática, e desta volta a escolla foi o popular (de pobo, non de partido) festival de Eurovisión. "Pareceunos unha celebración que dá pe ao disfrace e á broma por iso puxemos en marcha o plan ‘EUROVISIÓN. BITUIN DE TRIS!’. En que consiste?: Os concursantes, como grupo ou solista, irán subindo ao escenario para interpretar en play-back a canción escollida. Todos aqueles que queiran participar aínda están a tempo de se anotar mandando un correo ao noso enderezo do Facebook http://www.facebook.com/home.php#!/asociacionFAP ou unha SMS ao número 693778470, dándonos o nome completo dun dos participantes, nome do artista a imitar e canción", explican.

Todo vale e todos collen nesta gran festa de Entroido. Para os menos ousados, tamén hai plan: poderán formar parte do rebumbio, ollando o espectáculo na zona VIP con cadeiras para ver o festival en directo. Quen nunca desexou poder asistir a un destes fenomenais eventos??? Artistas de primeira e un público de excepción conformarán o BITUIN DE TRIS!!

"Xa houbo xente que nos chamou para informarse das dimensións do escenario e saber como colocarse, ou sexa que a cousa promete!! Enriba do escenario só deus benditiño saberá o que vai pasar…", tercian os de AntrosPinos, a asociación máis retranqueira de toda a bisbarra, con permiso das peñas da Festa da Dorna de Ribeira.

Datos:

Festa de Entroido da FAP (Asociación Festival AntrosPinos)
EUROVISIÓN. BITUIN DE TRIS!

Cando: Venres, 4 de marzo 2011
Onde: Centro Cultural e Deportivo de Taragoña (Campos de Pazos, Taragoña - Rianxo)
Hora: A partir das 22:00 h.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical