1.4.11

Noia: o Bng presentou a súa lista para as vindeiras eleccións do 22 de maio

Noia, 1 de abril de 2011. Na tarde de onte celebrouse o acto de presentación pública da candidatura electoral municipal do BNG de Noia. O acto escomenzou coa intervención de Sofía Caamaño Lado (á que entrevistamos en Certo cando era responsable do Banco de Tempo noiés) que é a candidata número dous, quen explicou os motivos que a levaron a asumir o compromiso de participar na vida política local a través da candidatura do Bloque Nacionalista Galego.

Logo interviu a deputada no Parlamento Galego, Ana Pontón Mondelo, quen na súa
locución fixo un amplo repaso á situación mundial (a situación do Xapón, e o ataque
de marcado cariz imperialista, sempre segundo o Bng, sobre Libia); centrouse na política galega criticando as políticas desenvolvidas polo actual goberno da Xunta de Galicia, nomeadamente as relativas aos recortes en servizos sociais, sanidade e educación; ao tempo que lle reprochou ao Partido Popular "a grande mentira sobre o concurso eólico, declarado completamente legal, hai uns días, por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia". Ao mesmo tempo igualou ao PP e ao PSOE en todo o acaecido arredor do futuro da caixa de aforros galega.

O candidato á Alcaldía de Noia, Bieito González, na súa intervención, fixo un relatorio
do paso do BNG polo goberno e logo na oposición, afirmando que “ o BNG participou
de xeito activo da vida municipal, nun primeiro momento formando parte do goberno
local, e logo, na oposición. Da nosa participación, pódense extraer consecuencias
positivas para os veciños e veciñas de Noia”. Máis adiante indicou, “traballamos
sempre para que cada acción de goberno ou de oposición fose no camiño axeitado,
fuxindo do investimento propagandístico ou pernicioso para o futuro da nosa comunidade veciñal”.
Demandou para o BNG toda unha serie de actuacións como o traballo desenvolvido a prol da consecución dunha solución acaída para o saneamento integral. Tamén destacou os logros no campo do patrimonio histórico e monumental. En relación ás propostas de futuro, dixo que “o BNG vai a facer bandeira da recuperación do mar para Noia” referíndose á demanda de mantemento da escollera, no camiño de recuperar para a localidade a súa condición de vila portuaria. Antes de concluir a súa intervención fixo unha mención especial ás persoas que o acompañaron estes últimos catro anos, “estoume a referir a Pepe Castro e Lola Caramés; ao primeiro hai que recoñecerlle as valiosas aportacións efectuadas, que xa forman parte da bagaxe política municipal da nosa organización, á segunda, a Lola Caramés, recoñecerlle a súa dedicación, entrega e eficacia en todo o traballo desenvolvido” , para rematar dándolle as grazas publicamente.

A lista oficial é a que segue:

1.- Bieito González Domínguez
2.- Sofía Caamaño Lado
3.- Mª Xesús Juanatey Malvárez
4.- Mª Victoria Vázquez Romero
5.- Anxo Francisco Villar Rodríguez
6.- Xosé Agapito Romeiro Barreiro
7.- Minucha Gosende Tuñas
8.- Antonio Barral Outes
9.- Mª Dolores Arxóns Álvarez
10.- Manuel Barreiro Mariño
11.- Irati García Tomé
12.- Xosé Manuel Ponte Barreiro
13.- Raquel Abelleira Romarís
14.- Adolfo Martínez Caamaño
15.- Mª do Carmen Insua Varela
16.- Xosefa Otero Sanluis
17.- Manuel Rial Rubio
18.- Xan Creo Baamonde
19.- Ana Mª Insua Horta
20.- Vicente Pardo Capón


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical