Ribeira, 1 de abril de 2011. Novas Xeracións programa para a tarde e a noite deste sábado, 2 de abril, unha dobre actividade coa que pretende "demostrar que a xuventude en Ribeira non carece de iniciativas dirixidas a facer valer o noso rico patrimonio medioambiental por unha parte e, por outra, salientar o bo momento que vive a música en Ribeira". Baixo o título de “A Xuventude con Manolo Ruiz”, os dous grandes atractivos do evento serán unha andaina popular ata o parque periurbano de San Roque e o CIELGA (centro de interpretación do parque natural de Corrubedo e lagoas), e un concerto no que actuarán dous grupos locais e algún artista invitado.
“A Xuventude con Manolo Ruiz” comezará mañá ás 17 horas na Praza de España de Santa Uxía. A súa esplanada será o punto de partida dunha andaina na que poderán participar todas aquelas persoas que, independentemente da súa idade, teñan gañas de dar unha boa camiñata. A andaina descorrerá pola senda peonil que une á cidade co parque dende os xulgados e dende alí ata o complexo dunar, onde se visitará o CIELGA no Vilar.
As previsións de Novas Xeracións apuntan a que arredor das 20 horas estarán de volta na Praza de España, lugar onde todos os camiñantes poderán disfrutar dun refrixerio. Cómpre sinalar que na praza estará instalada unha zona de reciclaxe porque "tamén estamos comprometidos co medio ambiente e a sostibilidade dos recursos", aseguran na formación conservadora xuvenil.
Xa pola noite, e tras recuperar forzas, a praza de España acollerá un concerto dende as 23.30 horas. Actuarán os grupos locais Areavasta e Entrelíneas, con cameos, como artistas invitados, de Javi Maneiro e Kuervo, dous compoñentes de Jabón Blue. Novas Xeracións quere dar así "o noso apoio incondicional aos Grupos Locais polo gran esforzo que supón a súa actividade e a calidade do seu traballo".
Pero a actividade non rematará coa finalización dos concertos, senón que ao longo da noite seguirán promovendo a campaña “Quédate de marcha en Ribeira” polos distintos locais nocturnos da cidade.
Ademais da participación de Manolo Ruiz, o acto contará entre outros coa participación da futura presidenta nacional de Nuevas Generaciones, Bea Jurado (será nomeada no vindeiro congreso nacional da formación os días 16 e 17 de abril en Zaragoza), e do presidente autonómico Javier Dorado.
Máis información en: www.nuevasgeneracionesriveira.es
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario