Na zona de Boa hai, polo visto, unha liña da ribeira do mar inexistente
Noia, 17 de outubro de 2012. Segundo informa hoxe o Concello noiés, a Subdirección Xeral de Dominio Público Marítimo-Terrestre, vén de emitir o informe ao “Documento previo á aprobación inicial” do PXOM, e nel explícase que o Concello de Noia, conta na actualidade cos seguintes expedientes de deslinde:
- Desde o límite de Porto do Son, ata o barrio do Campo das Rodas (actualmente en tramitación)
- Desde o barrio de Sofreixos ata a marxe esquerda do río Tambre (completado e en vigor)
- O comprendido entre os vértices 203 e 206, sitos na Punta Paralada-A Barquiña do deslinde aprobado por Orde Ministerial do 29.12.2006, aínda hoxe en tramitación
Logo, o informe escomeza a analizar aqueles aspectos relativos á plasmación nos correspondentes planos da liña da ribeira do mar, da liña do deslinde do dominio público marítimo-terrestre, así como a que delimita a servidume de protección e a súa zona de influencia. Nestes aspectos o informe fai as seguintes observacións:
-
- Na zona de Punta Redondelo, en Boa, díbuxase unha liña da ribeira do mar inexistente.
- Na zona de Punta Telleira na Paralada, represéntase de xeito incorrecto a liña de deslinde do dominio público marítimo-terrestre, aínda en tramitación.
- A liña que delimita a zona sobre a que recae a servidume de protección, recóllese cunha anchura de 20 metros, en lugar de 100 metros na zona de San Lázaro, nas inmediación do estadio municipal. Tamén se fai a mesma consideración para a zona do Rio do Porto, entre A Barquiña e Barro.
Controversia pendente en San Lázaro
Para arranxar estas deficiencias o Ministerio dí que facilitará toda a información precisa, previa petición en forma por parte do Concello. Aínda asi, hai que lembrar que o Concello mantén unha controversia pedente de resolver, que é a que lle afecta á proposta de novo deslinde, concretamente na zona antes suliñada de San Lázaro, xa que demandamos para a mesma a distancia de 20 metros e non os 100 que dispón o Ministerio.
Noutra orde de cousas, o informe recomenda que se recolla de xeito literal no texto da normativa urbanística, unha serie de determinacións da vixente Lei de Costas, a fin de evitar erros ou falsas interpretacións, mencionando concretamente: a utilización do dominio público marítimo-terrestre, os usos autorizados e prohibidos nas zonas de servidume de protección, o respeto á servidume de tránsito, as obras permitidas e prohibidas no dominio público, etc.
Fai tamén unha mención expresa á fachada marítima do Malecón de San Lázaro, afectada na súa totalidade pola liña de servidume de protección de Costas, indicando que se o Concello pretende acollerse á exepcionalidade contemplada na vixente Lei de Costas, terá que dar os pasos nela contemplados.
Deficiencias que se poden superar, asegura o Concello
A criterio dos servizos técnicos e xurídicos municipais, "o informe plantexa cuestións, todas elas, posibles de superar. Se ben é certo que o Goberno Local agardaba que a alegación formulada o pasado ano, e aínda non resolta, relativa á proposta de novo deslinde nas proximidades do estadio municipal de San Lázaro, fose atendida e alí se mantivera a liña de servidume a 20 metros e non a 100 como agora se propón. O interese que o Concello ten nesta cuestión, non é outro que o de poder pechar a mazá do último tramo da Avda. da República Arxentina, hoxe con traseiras á Xunqueira de San Lázaro, otorgando certa posibilidade edificatoria de tal maneira que quede configurada coas correspondentes fachadas", remata a nota de prensa do Concello.
Antes, en Certo:
PXOM de Noia: Augas de Galicia informa a favor no documento inicial
Pode que tamén lle interese:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario