- O Grupo de música antiga 1500 e Marco Ambrosini clausurarán o festival o xoves 18 de outubro na igrexa de Santa María a Nova de Noia cun concerto, ás 20.30 horas, baixo o título: "Comer, rezar, namorar..."
Tras un mes e medio de programación a presente edición dos Espazos Sonoros remata cun concerto moi especial, un encontro entre a formación galega de música antiga, o Grupo de música antiga 1500 e o músico Marco Ambrosini.
Baixo o título Comer, rezar, namorar..., o Grupo 1500 presenta un programa de músicas dos cancioneiros ibéricos do Renacemento arredor de tres temas universais. Obras de importantes autores ibéricos dos séculos XV e XVI serán recreadas polo Grupo 1500, co seu persoal e característico estilo interpretativo. Toda unha serie de descoñecidas e fermosísimas pezas, que sorprenderán pola súa calidade textual e musical. O grupo conta, ademais, coa colaboración dun artista de excepción, Marco Ambrosini, un dos máis afamados intérpretes dun instrumento popular das culturas nórdicas, a nyckelharpa.
Nesta edición, Espazos Sonoros afianzou os seus obxectivos de captación de novos públicos para a música con cheos absolutos en concertos e en actividades paralelas. Concertos como o da formación Ulobit no Museo Massó en Bueu e Sara Ruiz na Reitoral de Gundivós en Sober, ou actividades como a soireé organizada na Casa Grande de Vilancosta na Estrada, que esgotou o seu cupo de entradas dispoñibles, dúas horas despois de abrirse o prazo de inscrición, son testemuña de como esta programación cumpriu coas expectativas dun público cada día mais interesado en novas propostas para outro tipo de lecer.
Formacións como Seldom Sene, Ulobit, Iván Abal e Marisol Mendive, o Grupo de música antiga 1500, Marco Ambrosini, Germán Díaz, Charo Pita e Javier Fernández, Sara Ruiz, Valadarestiada e o arpista Andrew Lawrance-King percorreron diferentes espazos de interese cultural de Galicia, algúns xa coñecidos polo festival como a igrexa de San Pedro en Lugo ou o Liceo de Ourense, e outros novidosos espazos descubertos para o deleite musical como o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, o Museo Massó en Bueu, a Reitoral de Gundivós en Sober ou a Casa Grande de Vilancosta na Estrada.
Antes anunciamos:
Concerto: "Comer, rezar, namorar", o 18 de outubro
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario