28.4.11

Ribeira: o alcaldable do PP propón un lobby local do mar para defender este sector

Ribeira, 28 de abril de 2011. O candidato á alcaldía polo Partido Popular, Manuel Ruiz Rivas, comprométese á creación dun Consello Local de Pesca no que estean integrados todos os sectores vinculados directa ou indirectamente á actividade pesqueira en Ribeira, para gañar así peso específico e defender de forma conxunta e coordinada os seus intereses, con máis forza ante as distintas institucións. 

En opinión do candidato, este Consello debe actuar como un verdadeiro lobby que, por unha parte, defenda os intereses da flota de baixura máis importante que hai en Galicia e as súas actividades afíns e, por outra, sirva de órgano asesor para a confección do Plan Estratéxico Portuario de Santa Uxía, que propón Ruiz Rivas co obxecto de definir os usos da infraestrutura portuaria, pero tamén para concretar as fórmulas adecuadas que potencien e poñan en valor o porto no seu conxunto. 

Potencial da Nova Lonxa


Imaxe virtual: a saber cando estará a auténtica

A este respecto, Manuel Ruiz argumenta que os 17.000 metros cadrados de superficie da Nova Lonxa, sumados aos equipamentos de tecnoloxía punta de que vai dispor a instalación, van permitir captar novas flotas como a de altura, novas especies e tamén peixes conxelados. E se a isto se engade que cada persoa que traballa na actividade extractiva produce un mínimo de tres empregos indirectos, o candidato avoga polo establecemento de estratexias dirixidas á potenciación da venta en lonxa, co fin de xerar novas economías, novas sinerxías e novos postos de traballo, e con independencia de se as flotas operantes son de Riveira ou non. 

Na defensa da súa proposta, Ruiz Rivas lembra o acontecido nos portos de Celeiro e de Vigo, onde a unión dos axentes propiciou o desenvolvemento de fórmulas de actuación conxunta e única, con óptimos resultados. 

O candidato afirma que no caso de que os veciños lle outorguen a súa confianza o 22 de maio, este Consello Consultivo vai ser presidido directamente polo alcalde, e que a promoción económica do sector pesqueiro será un dos eixos básicos da súa acción de goberno xunto co industrial e o turístico.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical