Ana Pontón amosa o seu respaldo ás máis de 400 sinaturas que demandan o mantemento da escola e pide que a Xunta rectifique
Dodro, 20 de xullo, 2011- A deputada do BNG, Ana Pontón rexistrou onte no Parlamento galego varias iniciativas sobre a supresión de Educación primaria na Escola Unitaria de Bexo, no concello de Dodro. Pontón cre este peche "errado” e asegura que esta é unha nova decisión do Goberno galego na liña de desmantelar servizos públicos no rural.
Para a nacionalista, a decisión da Consellaría de Educación non conta co apoio da comunidade educativa que durante todo este curso ven demandando a continuidade da educación primaria en Bexo, “petición avalada por máis de 400 sinaturas”.
A deputada reclama que a Xunta “rectifique” e teña en conta o alto grao de satisfacción co modelo educativo deste centro que provoca que moitos pais, tendo outros centros de referencia con dereito a transporte gratuíto, opten por acudir a esta escola.
Pontón cuestiona a “teórica preocupación” da Xunta de Galicia co despoboamento e as tendencias demográficas e a adopción de certas medidas como a anunciada recentemente pola Consellaría de Educación e pregunta se a Xunta considera que pechando servizos se equiparan as condicións de vida entre quen reside no ámbito rural e urbano.
A deputada do BNG tamén preguntará ao Goberno como xustifica non atender a demanda de pais e nais, avalada por máis de 400 sinaturas para que esta escola sega mantendo a súa oferta educativa.
O Alcalde de Dodro non se pronuncia
Pola súa parte, a portavoz do BNG no Concello de Dodro, Vitoria Rei Mariño salienta que o BNG presentou unha pregunta ao alcalde sen conseguir ningunha resposta o que –ao seu xuízo- evidencia a “falta de diálogo” e sobre todo a “nula preocupación do rexedor pola educación en Dodro”. Rei Mariño reitera que a decisión do peche desta escola “vai contra a vontade das nais e pais” e mostra o “desleixo” do goberno municipal para negociar unha solución ante o “goberno amigo” da Xunta.
A portavoz nacionalista en Dodro avanza que dende o BNG seguirán presentando iniciativas ao fin de acadar a continuidade da Escola Unitaria de Bexo.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario