28.10.10

Lousame: 55.000 euros para rehabilitar un local que se destinará a sala de exposicións


O único lugar de exposicións que hai agora en Lousame é a casa de cultura

Lousame, 28 de outubro de 2010.- A Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Lousame veñen de acordar un convenio de cooperación para a rehabilitación dun local e a súa conversión en zona cultural de exposicións. Segundo o convenio, a Consellería de Cultura e Turismo concederá ao concello coruñés a cantidade total de 55.000 euros para a rehabilitación do local. Os fondos europeos procedentes do Programa Operativo FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) financiarán o 70% da colaboración.

A Consellería de Cultura e Turismo dentro da súa programación anual traza as directrices a seguir dentro do mapa de infraestruturas socioculturais de Galicia con especial interese no acondicionamento e equipamento de locais socioculturais existentes, pero que non se poden usar por non estar en condicións óptimas. O obxectivo é que os distintos concellos de Galicia poidan ofrecer á poboación unha variada e completa oferta sociocultural. Con este convenio, acometeranse as obras necesarias para acondicionar o local de Lousame e que permita ofrecer un espazo suficientemente dotado para albergar as distintas actividades de carácter cultural. Asemade, tamén acollerá diversas exposicións conformando unha programación cultural axeitada e ampla.

Tanto Consellería como Concello son conscientes da necesidade de establecer instalacións de carácter sociocultural que permitan unha adecuada oferta, co obxecto de satisfacer as necesidades que en materia cultural teñen os habitantes da zona de Lousame. Con este convenio asegúrase ter os espazos necesarios para que poidan representarse as diversas manifestacións da cultura galega nun marco digno e adecuado no Concello de Lousame.

Esta cooperación entre Consellería e Concello no que atinxe á rehabilitación do local como centro cultural inscríbese no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2001-2013. Deste xeito, converterase a Lousame nun referente cultural que pode ofrecer unha serie de actuacións encamiñadas á divulgación, información e promoción da cultura e achegar o máximo posible o noso patrimonio cultural a un público de tódalas idades.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical