28.10.10

Ribeira: Portos de Galicia promételle ao alcalde pequenas obras para a cidade, Aguiño, Palmeira e Corrubedo

Ribeira, 28 de outubro de 2010.- O presidente de Portos de Galicia. José Manuel Álvarez-Campana, mantivo onte unha reunión de traballo co alcalde de Ribeira, José Luis Torres, para tratar diversos asuntos relacionados coas instalacións portuarias de Ribeira e  outros portos incluídos dentro do termo municipal como son Aguiño, Palmeira e Corrubedo.

Torres Colomer  solicitou a Portos de Galicia autorización para levar a cabo obras de saneamento dentro dunha parte do dominio público do porto de Ribeira, nunha zona próxima á fachada marítima, consistentes na instalación dun separador de augas fecais e de residuos industriais, elementos de bombeo e canalizacións. Unha petición á que o presidente de Portos mostrou a súa colaboración e disposición. Tamén se trataron outras obras que polas súas características significarán un pulo importante na actividade comercial, pesqueira e náutico recreativa para Ribeira, como son, a mellora do abrigo das instalacións náutico recreativas e  a mellora da capacidade operativa do peirao comercial, ámbalas dúas en fase de redación do proxecto. A ampliación do peirao comercial, actualmente en estudo, e o remate do edificio de servizos que albergará as oficinas portuarias, foron outros dous asuntos de relevancia tratados na reunión.

Asemade, o presidente de Portos informou ao alcalde de Ribeira da situación da nova lonxa de Ribeira, neste momento pendente de adxudicación e que suporá un  investimento duns 18 millóns de euros. Deste xeito a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia,  aposta por reforzar a comercialización e atender unha antiga demanda dos usuarios do porto de Ribeira. Coa execución desta actuación, Portos de Galicia fomentará unha maior operatividade nos peiraos da zona que comprende a futura lonxa, a posta en valor e explotación das instalacións, e o desenvolvemento das áreas próximas ao edificio e do porto en xeral.


Tamén foron tratados asuntos relacionados coas instalacións portuarias de Aguiño, Palmeira e Corrubedo, tamén pertencentes ao termo municipal de Ribeira. O alcalde solicitou a Portos de Galicia a realización de pequenas obras menores e de alumeado nestes portos. Asemade, tratáronse peticións relativas  remodelación das ramplas do porto de Aguiño, un programa de actuacións para o porto de Palmeira e a construción de departamentos para usuarios no porto de Corrubedo, todas elas en estudio e que se poderían realizar a curto e medio prazo.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical