28.10.10

Lingua galega: premiado o colexio de Aguiño por "Onde a terra acaba e o mar começa"


Imaxe do Ceip de Aguiño, da súa web

Barbanza, 28 de outubro de 2010.- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fixo pública onte a resolución da convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade desta consellería, para desenvolver no curso académico 2010-2011.

Os premiados da edición de 2010, na que participaron un total de 37 centros de toda Galicia, foron o CEIP de Aguiño, en Ribeira (A Coruña), polo proxecto "Onde a terra acaba e o mar começa"; o CEIP de Quintela, en Moaña (Pontevedra), polo traballo En galego pola rede II; o CRA Mestra Clara Torres, en Tui (Pontevedra), grazas á iniciativa Unha andaina “Artic” en galego; o IES Perdouro, en Burela (Lugo), que se presentou co proxecto Dinamización sociolingüística de Burela: intervención dinamizadora da Sanidade; e, finalmente, o IES Rodeira, en Cangas (Pontevedra), polo traballo Que sorte falamos en galego!

As iniciativas seleccionadas recibirán unha dotación económica de 3.000 euros. Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística prestará o asesoramento necesario durante o desenvolvemento do proxecto, que se levará a cabo no curso académico 2010-2011, e organizará unha xornada de formación para o profesorado implicado nas iniciativas gañadoras. Ademais, Política Lingüística difundirá a través da rede as experiencias e a publicación dos materiais educativos, no web www.xunta.es/linguagalega.

Posta en valor dos proxectos innovadores que promovan o uso do galego

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria leva a cabo esta convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade desta consellería, unha iniciativa que busca fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que favorezan o uso da lingua galega.

A través dos Premios de Innovación en Dinamización Lingüística, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade desta lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz. 

Onde a terra acaba e o mar começa

O título do traballo presentado a este premio polos aguiñenses está recollido dun famoso verso de Luis Vaz de Camôes, da súa obra "Os Lusiadas", no canto III, verso 20, adicado a Portugal e que di:

"Eis aqui, quase cume da cabeça
De Europa toda, o Reino Lusitano,
Onde a terra se acaba e o mar começa,
E onde Febo repousa no Oceano.
Este quis o Céu justo que floresça
Nas armas contra o torpe Mauritano,
Deitando-o de si fora, e lá na ardente
África estar quieto o não consente".

O ano pasado tamén foi premiado o colexio de Aguiño, quizais o que máis manexa a ferramenta de Internet nestas bisbarras. Os institutos de Rianxo e Porto do Son recibiron accésits, categoría que este ano non se deu.

Outras novas deste Ceip publicadas antes en Certo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical