O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez, gabou o traballo da Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago no estudo e promoción da obra do escritor galego. O actor e director de teatro José Luis Gómez, que vén de traballar con directores de cine como Almodóvar ou Milos Forman, realizou unha lectura dramatizada de textos de Valle-Inclán
Santiago, 26 de marzo de 2011.- O ciclo literario da Cidade da Cultura, “Galicia, ceo das letras”, dedicou a sesión desta mañá a Ramón María del Valle-Inclán, escritor do que se conmemoran os 75 anos do seus pasamento. A sesión, que estivo presidida polo director do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez, contou cun diálogo entre dous grandes expertos na figura do escritor galego: a directora da Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago, a profesora Margarita Santos, e o actor e director de teatro, José Luis Gómez, premio á mellor interpretación masculina no Festival de Cannes pola película “Pascual Duarte”, o Premio Nacional de Teatro, Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes e que ven de traballar con directores da talla de Pedro Almodóvar ou Milos Forman.
O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos gabou a Cátedra e o Grupo de Investigación Valle-Inclán, lembrando algúns dos seus proxectos mais importantes, como a edición do Anuario Valle Inclán en consorcio coa Universidade de Temple (Philadelphia), o depósito e coidado de todo o legado manuscrito de Valle-Inclán, a constitución da Biblioteca da Cátedra, a posta en marcha dun seminario permanente ou a organización de varios congresos internacionais sobre o autor. “Os meus parabéns a Margarita Santos que leva capitaneando esta nave dende 1994”, sinalou Francisco López, quen tamén lembrou os premios e distincións de José Luis Gómez, sinalando que o pasado mércores foi investido doutor Honoris Causa pola Universidade Complutense de Madrid.
Margarita Santos e José Luis Gómez analizaron as similitudes e diferenzas de Valle-Inclán e outros autores galegos, como Cela ou Blanco Amor. Durante o diálogo, os dous expertos comentaron varios estudos onde a figura de Valle Inclán se sitúa no cumio do teatro universal, con obras ao nivel de Shakespeare, Moliere, Bretch ou Lope de Vega. Posteriormente, José Luis Gómez fixo unha lectura dramatizada de textos de Valle-Inclán.
Con motivo da sesión de Valle-Inclán, a Biblioteca de Galicia organizou unha pequena mostra de obras do escritor galego, procedentes dos fondos da Biblioteca. A próxima edición de “Galicia, ceo das letras” será o 6 de abril e estará adicada a Alvaro Cunqueiro. As prazas para participar nela xa están cubertas.Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario