Dodro, 30 de xullo de 2012. A Festa dos Maiores de Dodro, que se celebrou onte a pesares dos recortes en sanidade, dependencia e funcionariado por parte do mesmo partido que goberna en Dodro pero a nivel central, acolleu a medio milleiro de persoas de moita idade (vellos segundo o dicionario da Real Academia Galega, inda que sexa unha palabra denostada pola corrente do pensamento politicamente correcto) tivo este ano cambios significativos. O cambio principal foi que non se celebrou como viña sendo habitual na Fonte Primeiral. Este ano celebrouse unha misa na igrexa parroquial de San Xulián de Laiño e logo a comida foi no restaurante Scala.
Durante a xornada puideron disfrutar dunha exposición de labores realizadas polas participantes do obradoiro de Seráns de Labores e Fíos organizado polo concello durante o curso pasado. Despois da comida riron con ganas cunha actuación humorística e posteriormente bailaron ata rematar a xornada.
Os maiores de Dodro foron recibidos polo alcalde e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, a cal abriu o acto. A concelleira, Marisol Boga, deu a benvida a todos os asistentes e tivo un recordo moi especial para todas aquelas persoas “que nos deixaron” ao longo do ano e manifestou o seu recoñecemento a todos eles neste día.
En relación aos cambios da festa mencionou que esperaba foran en beneficio da mesma agradecendo a asistencia de todos e o desexo de compartir ese día todos xuntos. Comentou que organizaron e prepararon a festa con moito cariño e que “de todas as funcións que teño encomendadas no Concello, esta é a máis satisfactoria de todas”.
Posteriormente realizouse un recoñecemento á muller e ao home máis maiores asistentes á festa. A muller máis maior foi Josefa Sóñora Abuin de Teaio, nacida en 1915 e o home foi Gerardo Fernández Casal de Lestrobe nacido en 1922. Ambos recibiron, como recordo dese día, unha figura de Sargadelos gravada en prata que representaba a dous maiores.
Para rematar antes do xantar doulles a benvida o alcalde, quen recoñeceu a labor de todos os maiores, axudando a construír un país mellor exercendo a solidariedade dun xeito que é exemplo para as xeracións presentes e vindeira. Recordou a mala situación económica pola que está a pasar o concello pero “podemos e debemos saír adiante, e deixar atrás canto antes as dificultades que agora nos presionan”. Para rematar dixo que “os que conformamos hoxe o goberno, traballamos para que vos sigades sentindo orgullosos do voso concello”.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario