18.6.10

Literatura: convocado o terceiro certame de novela curta "Cidade Centenaria de Ribeira"

O 23 de marzo de 2011 rematará o prazo para presentar as obras. A editorial galega Xerais ocúpase da edición

Ribeira, 18 de xuño de 2010.- Está xa convocada a terceira edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.  A presentación do certame, que ten carácter bienal, tivo lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial e serviu tamén para rubricar un convenio de colaboración en virtude do cal a editorial Xerais publicará a obra gañadora, así como para dar a coñecer a edición impresa da última novela vencedora: “Vertixes”, de Ignacio Silva, que tamén publica a referida editorial.

No acto interviñeron o alcalde José Luis Torres, o concelleiro de Cultural Luciano Fernández; o autor Ignacio Silva e o director de publicacións de Xerais, Manuel Bragado. Tamén quixeron estar presentes os membros do xurado da pasada convocatoria: Uxía Casal, Xoán Pastor Rodríguez, Alicia Padín, José Antonio Otero e Unai González, que actuou como secretario, pero sen voto.

Segundo informou Luciano Fernández, poderán concorrer a este certame todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade ou residencia, cun único traballo en lingua galega de temática libre, orixinal e inédito. A obra haberá de ter unha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 120.000 caracteres.

Tirada mínima de 1.000 exemplares

O premio consistirá en 3.000 euros máis diploma conmemorativo e a publicación da obra na editorial Xerais, que en virtude do convenio de colaboración se compromete a  lanzar unha tirada mínima de 1.000 exemplares, nun volume único, podendo negociar co autor maior tirada ou varias edicións.

Tamén en virtude do acordo subscrito, Xerais seleccionará un dos catro membros que comporán o xurado. O prazo de admisión dos orixinais rematará o 23 de marzo de 2011, aniversario da concesión do Título de Cidade a Ribeira pola S.M. o Rei Alfonso XIII en 1906. Este convenio estará  en vigor para a terceira edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira (2010-2012), podendo ampliarse ou prorrogarse para futuras convocatorias co acordo mutuo das partes implicadas.

Consolidación

Manuel Bragado explicou que a convocatoria desta terceira edición consolida sobradamente o certame como un referente literario en Galicia e salientou a traxectoria literaria de Ignacio Silva, ao cal cualificou de escritor revelación do ano pasado. Pola súa parte, Ignacio Silva, nacido en Carballo en 1978, resaltou a importancia do certame máis aló da cuestión económica, ao permitir a publicación da obra gañadora do mesmo, que é o que máis desexan os escritores. Sobre a súa obra “Vertixes” explicou que con esta novela quixo retratar a xeración dos que están nos 30 anos.

Finalmente, o alcalde, José Luis Torres Colomer, explicou que con esta nova convocatoria e co convenio asinado coa editorial Xerais renóvase o compromiso do Concello de promocionar aos autores noveles “e sobre todo de dar cariño á nosa lingua, que é a lingua galega”.


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical