Ribeira, 25 de maio de 2011.- Co obxectivo de traballar firmemente a prol da igualdade de xéneros, o Concello iniciou un estudo de diagnose acerca das necesidades e carencias aínda existentes en canto á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Este documento servirá como base para confeccionar o que será o segundo Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres do Concello de Ribeira, despois de que o primeiro plan, contribuíse a acadar algúns avances neste sentido, coa posta en marcha por exemplo dun servizo de atención sexolóxica, entre outras iniciativas.
Así o manifestou esta mañá a concelleira de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia da Corporación en funcións, María Esther Patiño, que estivo acompañada de Dolores Crujeiras, directora do Centro de Información á Muller.
María Esther Patiño aludiu así mesmo ás iniciativas máis destacables que se desenvolveron neste ámbito, como o Banco do Tempo, o Campamento da igualdade dirixido a menores de entre 8 a 12 anos, actividades de coeducación para os máis cativos ou actividades educativas de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero nos centros escolares para alumnado da ESO.
Agora, o que se pretende co estudo de diagnose de xénero é identificar as necesidades e desigualdades existentes co afán de que o mesmo sirva de base para a elaboración do citado plan de igualdade: un instrumento no que se concretarán as medidas a adoptar para erradicar os desaxustes detectados. Este traballo previo de identificación estase realizando co apoio técnico externo da consultora Sánchez-Albornoz.
Neste contexto, o Concello de Igualdade e Accións Social quere escoitar a voz dos veciños e convida aos diferentes axentes sociais e económicos presentes no noso municipio e á cidadanía en xeral a realizaren as súas achegas, demandas, suxestións e a facilitar aquelas informacións que sirvan para, entre toda a cidadanía, ir configurando un mapa de necesidades en materia de igualdade entre mulleres e homes.
Para isto, os veciños poden ofrecer as súas propostas mediante o blog http://riveiraplandeigualdade.blogspot.com ou no correo electrónico: riveira.plandeigualdade@gmail.com.
Ademais, segundo informou a directora do CIM, ao longo dos vindeiros meses vanse organizar varios grupos focais para que os homes e mulleres do concello poidan participar directamente neste proxecto municipal.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario