25.5.11

Porto do Son: este venres 27 de maio, entrega do Premio Leixaprén e Encontro do Audiovisual Escolar Galego

A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén entregará este venres, no marco da celebración do Encontro do Audiovisual Escolar Galego SonCine, o XII Premio Leixaprén a Manuel González en recoñecemento ao seu labor de promoción do audiovisual galego e da lingua galega neste ámbito.

Durante a xornada, uns 200 alumnos e 40 docentes de 18 centros escolares de toda Galicia mostrarán os seus traballos audiovisuais e asistirán a aulas de cine impartidas por prestixiosos especialistas do audiovisual galego como o director Luís Avilés, a produtora Mara González ou o guionista Daniel Domínguez.

Porto do Son, 25 de maio de 2011. Este venres 27 de maio terán lugar na Casa de Cultura e no IES de Porto do Son a entrega do XII Premio Leixaprén e o Encontro do Audiovisual Escolar Galego, eventos organizados polos Equipos da Biblioteca, Normalización Lingüística e SonCine e os Departamentos de Lingua Galega e Educación Plástica do instituto e que contan coa colaboración da Alcaldía e a Concellaría de Cultura do Concello de Porto do Son.

Durante a sesión da mañá, a Casa de Cultura converterase nun espazo de encontro de alumnos e docentes de 18 centros educativos galegos que desenvolven na actualidade proxectos audiovisuais. Ademais da presentación e proxección destes traballos, ao final da mañá farase entrega do XII Premio Leixaprén que outorga a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén, formada por centros de ensino secundario das comarcas do Barbanza e Muros-Noia. Este galardón, que se entrega dende o ano 2000 a persoas, colectivos, empresas ou institucións en recoñecemento ao labor que realizan na promoción e defensa da lingua galega, recaeu na presente edición en Manuel González Álvarez polo seu traballo na promoción do audiovisual galego e da lingua galega neste campo. Ademais, este premio quere simbolizar o traballo colectivo de todas aquelas persoas que introduciron e dinamizaron o audiovisual nos ámbitos afeccionado e escolar, campos nos que o idioma galego ten unha presenza impo rtante.

Na súa dilatada traxectoria, Manuel González foi responsable nos anos 80 da Área de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura e da Videoteca de Galicia (xérmolo do CGAI) e coordinador do programa “A imaxe na escola”. Ademais do seu labor no eido da investigación, no que destaca no estudo e catalogación do patrimonio cinematográfico galego e da emigración, dende os primeiros 90 até a actualidade traballou na produción, guionización e realización de diversos programas e series para a TV, foi director da Escola de Imaxe e Son da Coruña e da Axencia Audiovisual Galega e responsable de proxectos pioneiros como Flocos.TV e Cinemas Dixitais.

Xa durante a xornada da tarde, o Encontro do Audiovisual Escolar Galego trasladarase ás instalacións do instituto, que acollerá as “aulas de cine” impartidas por especialistas de recoñecido prestixio no ámbito audiovisual como Luís Avilés, Mara González, Daniel Domínguez, Fernando de Castro, Fran Piñeiro, María Yáñez, Rebeca Ces e a empresa desescribir, sobre dirección, guión, produción, gravación, fotografía, deseño gráfico e difusión web. Por outra banda, os docentes dos diferentes centros participarán nun foro co obxectivo de reflexionar sobre a necesidade de desenvolver un espazo de intercambio do audiovisual escolar para compartir traballos e experiencias e desenvolver a formación e creación audiovisual do alumnado ante a ausencia dunha política de promoción da educación audiovisual por parte da administración autonómica.

A celebración deste Encontro responde á necesidade de visibilizar publicamente na sociedade a cantidade e calidade de traballos que se están realizando nos centros de ensino. Unha mostra non exhaustiva nin sistemática pode verse na páxina http://www.netvibes.com/encontro-do-audiovisual-escolar-galego, que recolle centos de vídeos escolares.

Antes, en Certo:


Encontro Audiovisual Galego: o 27 de maio. Programa completo


Premio Leixaprén: para Manuel González, o 27 de maio entrega


Fotografa_manuel_gonzlez_lvare

cartaz-programa_premioleixapren_encontroaudiovisual.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical