Ribeira, 4 de xullo de 2011. A Casa Consistorial acubillou hoxe a recepción de tres rapaces (dous nenos e unha nena) que pasarán o verán no municipio barbanzano co gallo do programa Vacacións en Paz. O alcalde Manuel Ruiz Rivas e o concelleiro de Promoción Social, Asuntos Sociais, Sanidade e Consumo, Vicente Mariño de Bricio, foron os encargados de dar a benvida a estes nenos, que estarán no concello ata finais de agosto, así como as súas respectivas familias de acollida.
Dous dos rapaces participantes son vellos coñecidos pois esta é a cuarta ocasión en que pasan a época estival en Ribeira. Trátase de Nayim Mohamed Embarec e Larousi Mohamed Lamin, procedentes do campamento de Tindouf (Arxelia), que están sendo acollidos polas familias de María Jesús Pérez Sampedro (de Carreira) e de Manuela García García (de Deán Grande).
A nena que recala na Centenaria por primeira vez chámase Ahyeba Mohamed, que foi acollida pola familia de María del Pilar Laranga Santos, de Santa Uxía.
Ruiz Rivas ratificou o compromiso do Concello co programa Vacacións en Paz, iniciativa na que a institución local leva participando dende fai máis dunha década, e salientou a contribución deste proxecto solidario. Ademais, entregou uns agasallos aos pequenos.
Cabe lembrar que Vacacións en Paz ten como finalidade dar a nenos saharauis unha estancia agradable e humanamente satisfactoria nunha época na que nos seus campamentos alcánzanse temperaturas extremas, ofrecéndolles igualmente a posibilidade de coñecer formas distintas de vida e potenciar a comunicación e o entendemento entre as poboacións de España e o pobo saharaui.
Se quere saber máis por que estes nenos viven así (o noso país ten boa parte da culpa), consulte este artigo da Wikipedia.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario