- En total foron 402 os usuarios do servizo, que realizou 19 viaxes
- O goberno quere impulsalo o vindeiro verán xunto cunha ruta en catamarán pola banda norte da Ría de Arousa
Ribeira, 6 de setembro de 2011.- Rematada a andaina no presente verán do autobús turístico de Ribeira (a primeira iniciativa desta índole que se desenvolve na comarca barbanzana) chegou o momento de facer balance. En total, foron 402 os pasaxeiros que fixeron uso deste servizo durante un total de 19 saídas, o que arroxa unha media algo superior aos 21 viaxeiros por sesión.
O Executivo acolle estes datos "con relativa satisfacción, na confianza de consolidar este servizo na estación estival do 2011, unha vez se impulse un servizo integral de transporte turístico que inclúa, ademais do referido autocar, unha ruta marítima en catamarán que conecte Ribeira coa outra banda da ría de Arousa e os seus turistas potenciais", explican en nota de prensa.
Usuarios de toda España
Cabe salientar que entre os usuarios do autobús houbo xente procedente de practicamente toda a xeografía española, incluíndo ademais das catro provincias galegas, lugares como Madrid, Barcelona, Alacante, Valencia, Sevilla ou As Palmas de Gran Canaria.
Así mesmo, moitos veciños de Ribeira e da comarca quixeron aproveitar a posta en marcha deste novo servizo para coñecer máis polo miúdo e baixo o asesoramento dun guía profesional os principais recursos que atesoura o municipio. Algúns fixérono a título individual e outros en grupos organizados, como foi o caso das asociacións Ambar, Amicos e A Creba, dos alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Airoas ou dos nenos do Colexio Bayón participantes nas actividades de verán do centro educativo.
Houbo dúas rutas: un primeiro itinerario que visitaba o miradoiro da Pedra da Rá, o parque periurbano de San Roque e o seu Centro de Interpretación Arqueolóxica, o Museo Etnográfico de Artes, o Dolmen de Axeitos, o miradoiro da Curota e o porto de Palmeira; e unha segunda ruta que pasaba polo Carreiro de Aguiño, a Casa da Costa / CIELGA (centro de interpretación do parque dunar), a Gran Duna, o Faro de Corrubedo, o porto de Corrubedo e a ermida e miradoiro de San Alberte.
Antes, en Certo:
Turismo: 276 viaxeiros en 15 días no bus turístico
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario